Luns 26 de Febreiro de 2018

Medio Ambiente destina 450.000 euros á posta en valor do Cantón de San Roque e a Avenida de Lugo, en Melide


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Melide, Dalia García, asinaron o convenio de colaboración para a execución desta actuación

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Melide, Dalia García, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a reforma e posta en valor do Cantón de San Roque e a Avenida de Lugo, neste concello da provincia da Coruña.

Trátase dunha actuación que se inscribe dentro do Plan Hurbe e que conta cun orzamento de 455.000 euros, que servirán revitalizar o corazón do núcleo urbano de Melide e a principal arteria da vila, como é a Avenida de Lugo, pola que ademais discorre un dos grades patrimonios do concello, como é o Camiño de Santiago.

Mato Otero destacou que Melide é un punto moi importante dentro das rutas xacobeas, porque neste concello se unen os Camiños Francés e Primitivo; polo tanto entre os obxectivos está crear un espazo de vida e de actividade acorde coas necesidades dos cidadáns, facendo da praza un punto de encontro e lugar de estancia.

Asemade, tamén se mellora e modernizar a imaxe urbana dunha vila tan emblemática como Melide como encrucillada dos Camiños de Santiago, acondicionase o mesmo ao seu paso polo centro urbano; e mellorase a accesibilidade, a seguridade e as condicións de acceso peonil dos veciños e dos peregrinos.

Para acadar esta posta en valor, será necesario reurbanizar a calzada e as beirarrúas das Avenida de Lugo e da contorna do Cantón de San Roque; mellorar e acondicionar o axardinamento do Cantón e o mobiliario urbano, facéndoo máis moderno, funcional e adaptado aos tempos actuais; e reurbanizar o espazo do Cantón, suprimindo barreiras arquitectónicas.

Tal e como lle manifestou a conselleira a alcaldesa, a Xunta promove e colabora neste tipo de actuación co obxectivo de rehabilitar, recuperar e conservar os equipamentos urbanos municipais, co fin de mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns e do público en xeral.

Recordou que este é un dos grandes obxectivos do Plan HURBE, un programa de actuación que a Xunta impulsou en 2010 para dar resposta á necesidade de humanización das vilas de Galicia. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá, busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos para as necesidades vixentes.

Segundo o Plan de investimentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería destinará este ano máis de seis millóns de euros a este Plan, aos que se sumarán cinco novos millóns de euros, é dicir, 11 millóns de euros. O orzamento destinarase, principalmente, á humanización de rúas e á urbanización e mellora de espazos públicos.

Entre outros beneficios, o HURBE favorece a sostibilidade futura compatibilizando o desenvolvemento económico e a agrupación en torno aos núcleos de poboación con criterios de ordenación territorial e habitabilidade, recupera espazos públicos que foron perdendo o seu carácter de áreas de interacción social por un inadecuado desenvolvemento urbanístico, e potencia a conservación dos equipamentos urbanos patrimonio histórico das nosas vilas.

Colaboración continua
A conselleira de Medio Ambiente destacou que a colaboración ratificada esta mañá non é a única que o Goberno galego promove en Melide, senón que é fluída e permanente. Un cooperación que patente analizando as cifras, onde a Consellería de Medio Ambiente ten destinado preto de 10 millóns de euros, dos cales 9 son en actuacións relativas a saneamento e recordou que un dos compromisos máis recentes foi o proxecto de mellora do saneamento da parroquia de San María, cun investimento de 165.000 euros e que neste mesmo ano se iniciarán obras.