Luns 23 de Abril de 2018

Medio Ambiente destina 300.000 euros á ampliación da rede de colectores no concello de de Abegondo


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, José Antonio Santiso, asinaron hoxe un convenio de colaboración neste sentido

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Concello de Abegondo colaborarán co fin de mellorar a situación do saneamento en distintas parroquias deste municipio.

Este compromiso vén recollido no convenio que asinaron hoxe a titular en materia de medio ambiente do departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde, José Antonio Santiso, onde se establece que a Xunta achegará un orzamento de 300.000 euros para acometer estes traballos, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

Máis en concreto, as obras centraranse en ampliar a rede de saneamento nas parroquias de Crendes e Orto, na contorna do encoro de Cecebre.

Con esta actuación preténdese mellorar as condicións de vida nestas zonas de Abegondo, dotándoas de redes de saneamento, eliminado puntos de vertido, e, con elo, mellorando a calidade das augas da contorna.

No encontro, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destacou que a Xunta seguirá apostando pola máxima colaboración cos concellos galegos para a posta en marcha de infraestruturas e servizos.