Mércores 23 de Setembro de 2020

A AGFA do Eume inicia unha campaña a prol da preservación da froita autóctona


A VIII Feira Rural de San Sadurniño será, outro ano, escaparate das castes de froita que tradicionalmente se cultivaron en Galicia, especialmente nas comarcas do Eume, Ferrol e o Ortegal. Boa parte delas están reunidas na horta de conservación Carlos Fornos situada ao pé da feira. Maciñeiras, pereiras, pexegueiros, cerdeiras, castiñeiros e outras especies compoñen unha colección con 150 variedades e a previsión de incorporar en breve outras 30. Todas elas produto do cultivo e selección durante xeracións para dar con froitos de excelente sabor e calidade e perfectamente adaptados ao chan e ao clima. Porén, segundo a AGFA, este patrimonio vexetal e cultural conservado en San Sadurniño está desaparecendo no resto de Galicia, do Estado e de Europa por mor dos cambios socioeconómicos e dunha lexislación que, ao seu xuízo, non estaría axudando a frear a perda senón a acelerala. Por esta razón a entidade iniciará durante a feira unha campaña de recollida de adhesión a un manifesto que en esencia pide precisamente iso, que se tomen medidas para preservar a froita autóctona.

O manifesto busca a implicación da cidadanía, de administracións e entidades do territorio a prol da conservación das castes froiteiras do país, pero tamén para reivindicar unha maior difusión e a potenciación da súa comercialización, en contraposición co que -segundo a AGFA- promove a lexislación europea «centrada na teima da homoxeneidade do produto e no control sanitario, así como no apoio á agricultura industrializada e á entrada masiva de froitas doutras partes do mundo». A asociación indica que esta tendencia provocou que «en 20 anos» a fruticultura tradicional galega «practicamente desaparecese». De aí que se urxan medidas encamiñadas preservar este patrimonio tamén como factor de «reactivación económica do agro» con incidencia «na dinamización social e demográfica dos espazos rurais».

A AGFA sinala, por outra banda, que os milleiros de variedades e tipos de froitas que existen hoxe en día «están en serio perigo de desaparecer, por mor da imposición dun reducido número de variedades comerciais e de distribución mundial» que, ademais, supón supón «unha perda de biodiversidade frutícola sen precedentes na historia da humanidade». Algo que a asociación cualifica no seu manifesto como «unha irresponsabilidade colectiva» por tratarse de variedades «que se adaptan ao medio onde se atopan e teñen unhas cualidades e unhas calidades que se cadra as variedades comerciais non poden acadar».

O manifesto apunta ademais «á presión dos laboratorios e das grandes empresas de distribución» e, na mesma liña, «á lexislación promovida pola Unión Europea e polos Estados membros» que, tal e como alerta a AGFA, estarían poñendo «moitos atrancos» á fruticultura tradicional e ás variedades autóctonas, tamén chamadas “de conservación”. Lembran que o novo plan estatal relativo á certificación de plantas en viveiro «incide no control da identidade das froiteiras que se comercializan, co propósito de prohibir a comercialización daquelas variedades que non sexan previamente controladas, identificadas e incluídas no Rexistro estatal de variedades comerciais». A asociación tamén critica que a normativa europea existente «está pensada para regular a creación de novas variedades comerciais por parte dos laboratorios dos grandes grupos multinacionais e esquece a protección das variedades xa existentes, logradas grazas ao traballo anónimo, durante centos de anos, de milleiros de labregos e labregas».

Por último, o manifesto impulsado pola AGFA do Eume reivindica un maior compromiso institucional coa caracterización e rexistro das castes do país «algo que leva tempo e bastante traballo técnico» e que, de non facerse, «ficarán fóra do mercado de plantas de viveiro, e polo tanto non se poderán expandir nin se poderán crear explotacións froiteiras con estas variedades tradicionais».

A iniciativa a prol da conservación da froita autóctona insta á Unión Europea a que cree unha comisión de traballo que analice a situación da biodiversidade vexetal agrícola «e as consecuencias da implantación da nova lexislación comunitaria a nivel europeo, tanto dende o punto de vista económico, como cultural e ambiental». Tamén lle pide que se teñan en conta as variedades froiteiras de conservación ou autóctonas «de cara a que se asegure a súa efectiva preservación e se promova a súa difusión e introdución nos mercados, especialmente nos ámbitos locais» e, ademais, solicita o impulso dunha denominación de variedades protexidas en perigo de extinción «que permita protexer e divulgar o patrimonio frutícola, e que prohiba a súa manipulación xenética e o seu posterior rexistro como variedade protexida (con patente)».

Ao Estado, a AGFA solicítalle que, dentro das súas competencias, «lexisle no mesmo sentido» que a UE e que estableza «un período transitorio suficiente que permita adaptarse á nova normativa», así como liñas de axudas para adaptar viveiros e explotacións fructícolas polo lucro cesante de non poder comercializar planta e froita de variedades que non estean rexistradas.

O texto, asinado polo presidente da AGFA, Ramiro Martínez, ten tamén peticións para Galicia no sentido de que o Parlamento lexisle «no ámbito da protección das variedades autóctonas, de conservación ou das variedades de afeccionado das froiteiras» e que se cree un rexistro autonómico destas castes. Á Xunta encoméndaselle a garantía da preservación das variedades «achegando medios técnicos e humanos» para a súa caracterización, rexistro, preservación -en bancos de recursos fitoxenéticos- e difusión. O listado de demandas finaliza con tres apartados: que se permita e fomente a utilización das variedades do país, o deseño dun plan específico de apoio á fructicultura -formación, investigación, innovación e difusión de coñecementos tradicionais- e que Medio Rural habilite unha liña de axudas «para especies vexetais en risco de erosión xenética».

O “Manifesto a prol da preservación, difusión e comercialización das variedades autóctonas de froiteiras”, presentarase este sábado no transcurso da VIII Feira Rural de San Sadurniño e a Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume agarda que sexa asumido mediante sinatura ou adhesión polo maior número posible xente, entidades e institucións. Neste sentido a asociación fará chegarlle o escrito ao tecido asociativo e tamén aos concellos para que poidan adherirse ás súas teses a través de resolucións plenarias.