Luns 23 de Abril de 2018

Galicia convértese dende mañá no epicentro do turismo de surf a nivel mundial coa 29 edición do Pantin Classic Galicia Pro


Trátase dunha proba de máxima categoría no noso país dentro do circuíto de probas internacionais da liga de Surf Mundial (World Surf League/WSL) que acollerá aos mellores surfistas profesionais que se achegarán a Galicia dende todas partes do mundo

A praia de Pantín acolleu esta mañá a presentación da 29 edición do circuíto mundial da World Surf League/WSL, ‘Pantin Classic Galicia Pro’ nun acto que contou coa participación do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa.

No ámbito do surf, tanto en Galicia como no resto de España, o certame ‘Pantín Classic Galicia Pro’ ocupa un lugar moi destacado e xa constitúe unha das probas de surf máis importantes do calendario internacional. É un dos poucos que se celebra a este nivel en Europa e o cuarto máis antigo a nivel internacional.

Un ano máis, a Xunta de Galicia colabora na organización e promoción deste gran evento turístico-deportivo afianzándose como un dos colaboradores principais dun campionato que, ademais de posibilitar aos asistentes coñecer unha das nosas praias aptas para a realización da práctica deportiva e posicionar a nosa comunidade como destino de surf, permitirá mostrar todo o encanto da Galicia costeira.

Así, durante a súa celebración, dende mañá 30 de agosto ata o próximo 4 de setembro, a nosa comunidade acollerá aos mellores surfistas profesionais que chegarán a Galicia dende todas partes do mundo. E neste ano, especialmente, xa que esta nova edición bateu récords de inscricións con 204 participantes.

Durante o acto de presentación, o secretario xeral para o Deporte, destacou que o nivel deportivo alcanzado pola proba, e do que son responsables aos pioneiros galegos deste deporte e por suposto ao Club Praia de Pantín, é o reclamo definitivo para ser un destino inmellorable para practicar surf. Afirmou que acollemos a turistas que se fan surfistas e a surfistas que rematan facendo turismo, todo iso en beneficio último deste deporte que, cada vez máis, se consolida en Galicia.

Finalmente, o secretario xeral para o Deporte, explicou que Galicia é a segunda comunidade autónoma en número de licenzas e de clubs en todo o territorio nacional, acreditándose novamente que o surf en Galicia continua medrando co Pantin Classic como peza determinante no motor deste crecemento.