Sábado 20 de Outubro de 2018

A Xunta de Galicia e o Concello de Curtis asinan un convenio de colaboración para a entrada en servizo do centro de día do municipio que acollerá inicialmente 25 usuarios


Este novo recurso ten unha capacidade máxima de 40 prazas, que se irán cubrindo a medida que se vaia reforzando o servizo

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o alcalde de Curtis, Javier Francisco Caínzos Vázquez, asinaron un convenio de colaboración para a próxima apertura do novo centro de día deste municipio coruñés. Cando este equipamento abra as súas portas en breve dará servizo inicialmente a 25 usuarios, sendo a súa capacidade máxima de 40 prazas que se irán cubrindo a medida que se vaia reforzando o servizo.

Na súa intervención, Rey Varela, agradeceu a rexedor e ao Concello o seu interese e disposición para que “por fin este convenio puidera saír adiante e así dotar a Curtis e ás localidades da zona dun recurso asistencial para os nosos maiores moi necesario do que ata o de agora carecían”, dixo. Nesta liña, o conselleiro destacou a importancia da colaboración institucional, o diálogo e o consenso entre administracións para “impulsar a atención ás persoas e familias que máis precisan do noso apoio, porque o verdadeiramente importante é apostar entre todos por unha política social que atenda á xente”.

Este acordo entre o responsable da área social do Goberno autonómico e o primeiro edil de Curtis é o segundo que se asina, tras o rubricado a semana pasada para a xestión e financiamento do centro de día da Pobra do Caramiñal, ao abeiro do convenio marco subscrito entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Así as cousas e segundo se recolle no convenio, o Concello contribuirá ao financiamento dos gastos de funcionamento deste centro de atención diúrna, achegando un importe de 2.500 euros ao ano por cada unha das prazas ocupadas por usuarios empadroados en Curtis.