Mércores 11 de Decembro de 2019

O Goberno de Ordes demanda unanimidade en contra do vertedoiro de Lesta


Este mércores ás 20 horas na casa da cultura terá lugar un pleno extraordinario no que tamén se aprobará o sorteo das mesas electorais dos comicios autonómicos de setembro
Ordes, 30 de agosto de 2016. Mañá mércores, 31 de agosto, o Concello de Ordes celebrará un pleno extraordinario no que se tratará o posicionamento da corporación ordense na instalación dun vertedoiro de residuos non perigosos na parroquia de Lesta. Un punto no que o Goberno Local tratará de acadar conforme ao contido da solicitude dirixida a Alcaldía pola asociación de afectados un consenso unánime en contra desta iniciativa “que non corresponde coa política medioambiental nin co modelo de desenvolvemento económico que queremos para Ordes”. A cita terá lugar ás 20 horas na casa da cultura, co fin de que poida acudir o númeroso público que se agarda, tal e como se puxo en coñecemento do Concello por parte de veciños e varios colectivos.

“As nosas prioridades pasan pola preservación e mellora do noso entorno rural”, asegura José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes. “O noso campo e as zonas rurais supoñen un dos nosos mellores potenciais, e temos que xestionalos correcta e debidamente para que poidan seguir sendo un dos principais motores do noso crecemento económico. Un plantexamento que entendemos incompatible coa creación de vertedoiros e áreas residuais no noso municipio”, sinala o rexedor.
En referencia a este tema Martínez Sanjurjo xa mantivo varios contactos coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio co fin de demandar información sobre a situación actual na que se atopa o trámite iniciado pola empresa promotora no ano 2012. Dende Alcaldía tamén solicitan a colaboración e unión de todas as forzas políticas neste tema “para traballar conxuntamente en beneficio de Ordes e deixando a un lado accións partidistas que máis ben parecen responder a un oportunismo electoralista”.
A conta xeral do ano 2015 que finalizou o tramite de informacion publica sen alegacións, o sorteo dos membros das mesas electorais para os comicios autonómicos do vindeiro mes de setembro, e a ratificación polo pleno da solicitude de axudas para a mellora das infraestruturas e o equipamento das escolas infantís dependente das corporacións locais serán os outros temas que se abordarán no pleno extraordinario deste mércores.