Martes 27 de Outubro de 2020

A Xunta concede seis bolsas para a formación de expertos en cooperación internacional para o desenvolvemento


Os destinos para a formación serán catro oficinas de cooperación en Latinoamérica e África, e a sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE

A Xunta de Galicia vén de publicar na páxina web da Cooperación Galega, http://www.cooperaciongalega.org, a resolución da convocatoria de seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.

Os destinos para a formación serán: dúas bolsas na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, onde os beneficiarios se formarán na xestión e xustificación dos expedientes de subvencións; e catro bolsas nas oficinas técnicas de Cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o desenvolvemento (AECID) de Mozambique, República Dominicana, Nicaragua e Perú, nas que os bolseiros poderán coñecer no terreo o funcionamento das oficinas da Cooperación Española.

As actividades de formación desenvolveranse ao longo dos anos 2016 e 2017 cunha duración de doce meses, entre o 1 de setembro deste ano e o 31 de agosto de 2017. O importe da bolsa é de 1.200 euros brutos ao mes, máis os gastos da viaxe, no caso de que o destino sexa no exterior; e 1.000 euros brutos ao mes no caso de que o destino sexa na sede da Dirección Xeral en Santiago de Compostela.

Entre os requisitos que se precisaban para poder optar a estas bolsas está o de ter nado a partir do 1 de xaneiro de 1985, estar en posesión dun titulo universitario e non ser ou ter sido beneficiario dunha bolsa de formación no eido da cooperación para o desenvolvemento da Xunta.

Para a selección dos beneficiarios constituíuse unha comisión presidida pola subdirectora xeral de Cooperación Exterior, que examinou as solicitudes presentadas, valorando os méritos acreditados documentalmente. Posteriormente, os preseleccionados foron entrevistados pola dita comisión para valorar os seus coñecementos en materia de cooperación, a súa capacidade de resposta, madurez, motivación e iniciativa.

Esta convocatoria está enmarcada no III Plan Director da Cooperación Galega 2004-2017. Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no dito Plan, o Goberno galego aposta polas actividades destinadas á formación de persoal especializado como unha tarefa básica que a Xunta ten que levar a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación.