Venres 17 de Agosto de 2018

Once mulleres e nove homes inician o obradoiro de emprego Tahume 3


Compartido entre Riveira e Porto do Son

Un total de once mulleres e nove homes principiaron no novo obradoiro de emprego Tahume 3: unha nova escola taller compartida entre Riveira e Porto do Son (a terceira nos últimos tres anos) que ao longo de seis meses impartirá formación nas especialidades de pintura industrial (seis mulleres e catro homes) e en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería (cinco mulleres e cinco homes).

O Centro Cultural Lustres Rivas serviu de lugar de presentación da iniciativa nun acto que entre outros contou coa presenza dos alcaldes Manuel Ruiz e Luis Oujo. Ambos animaron aos asistentes a aproveitar esta oportunidade para logo de acadar unha boa formación se abran as portas do mercado laboral.

A escola está subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. Doce dos alumnos corresponden a Riveira e oito a Porto do Son.

Entre as actuacións que realizará a escola taller figuran:

– Acondicionamento do xardín de Pedra Pateira
– Acondicionamento da zana axardinada de Fontán
– Acondicionamento da rotonda da Poutada e zona Abesadas
– Mantemento e mellora de parques e xardíns municipais de Riveira: San Roque, parque da casa da cultura de Carreira, praza do Concello, parque de García Bayón, parque de Padín, parque da Casa de Cultura de Aguiño, parque de Castiñeiras, parque Horta do Cura de Palmeira, Parque de Sabartán en Carreira e parque do Centenario, entre outros.
– Produción e mantemento de plantas no invernadoiro de San Roque
– Acondicionamento de xardíns na rúa Atalaia (Porto do Son)
– Acondicionamento do xardín do parque da praza do Concello de Porto do Son
– Acondicionamento do xardín da rúa Compostela en Portosín
– Mantemento e mellora de xardíns municipais de Porto do Son: parque e xardín municipal do CEIP de Caamaño, Queiruga, Carballosa, Xuño, Santa Irena, Baroña, Miñortos, Nebra e casas de cultura de San Pedro de Muro, Caamaño, Xuño e Miñortos.
– Pintado da zona de escaleiras do Conservatorio de Riveira
– Impermeabilización da cuberta do colexio de Deán
– Pintado da fachada do colexio da Capela en Carreira
– Pintado das varandas dos paseos do Touro e Coroso
– Pavimentos continuos de resinas no Centro de Raqueta Santa Uxía
– Pintado de liñas marelas de prohibicións, carga e descarga, zonas de vaos, etc…
– Pintada das fachadas do viveiro de empresas e o consistorio de Porto do Son.
– Pintado da Casa de Cultura de Queiruga
– Pintado de pasos peonís, líneas marelas de prohibición, carga e descarga e vaos en Porto do Son.

O obradoiro contará ademais coa contratación do seguinte persoal: un director, dous mestres para cada unha das especialidades, un titor / mestre de ensino básico e un auxiliar administrativo.