Mércores 16 de Outubro de 2019

“O Humor do país”, de Luís Davila, no Museo do Humor de Fene


As populares tiras cómicas de “O bichero”, Luís Davila, encherán a partir do vindeiro luns as paredes da sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene (Avda. De Conces, 20-22). A exposición “Humor do país” abre ese día ao público pero non será ata o xoves 13 cando se inaugure nun acto que comezará ás 20 horas e ao que asistirá o propio debuxante.
O “Humor do país” de Luís Davila amosarase no Museo do Humor de Fene do 10 de outubro ao 15 de novembro en horario: de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas.
Luís Davila, 1972. Humorista gráfico nado en Bueu e vencellado dende a súa infancia a este concello onde medrou e reside actualmente (considérase “morrasseiro” ata a médula espiñal).
Deseñador gráfico pola escola de Artes e Oficios Pablo Picasso de A Coruña,
Especialista en retratar o particular humor galego, facendo rir, mais tamén cavilar, aos lectores diarios do decano da prensa española. Dende o ano 1998 publica as súas tiras de “O bichero” e “O fotomatón” no xornal Faro de Vigo.
Alcumado “O bichero”, Luís Davila toma o seu nome artístico da ferramenta (un gancho cun garfo na punta) que levan a bordo no barco os mariñeiros do Morrazo.
O estilo de Davila combina “unha fina retranca e un tratamento irónico e intelixente da actualidade política, social, económica e mesmo deportiva, xunto a un certeiro retrato da idiosincrasia galega”. A través de personaxes como Dora a Desbrozadora (metáfora da muller traballadora voluntariosa galega), Davila “saca punta aos estereotipos, rise deles e fai rir con situacións que non resultan inverosímiles”, retratando a vida da Galicia máis auténtica: a dos labregos, mariñeiros, etc.
A día de hoxe ten autoeditados seis libros nos que compila as súas tiras de “O bichero”: “O bichero I”, “O bichero II. Outra ronda”, “O bichero III. Non hai dous sen tres”, “O bichero IV. Menudo día”, “O bichero V. Living a vida loca” e “O bichero VI. Ti sacha”.
Nos últimos anos o traballo de Luís Davila ven acadando cada vez máis repercusión, grazas sobre todo ao seu talento, pero tamén á súa constante presenza nas redes sociais (a páxina de Facebook «Fans de Luis Davila» conta con máis de 78.000 ‘likes’) e á súa participación en múltiples e variados proxectos, coma os espectáculos “Menú do día” e “Menú da noite”, nos que acompaña ao humorista Carlos Blanco sobre o escenario.

Precisamente, na inauguración da exposición “O humor do país” -o xoves 13 ás 20 horas no Museo do Humor de Fene- está confirmada a asistencia do actor e contacontos Carlos Blanco.