Luns 09 de Decembro de 2019

120 deportistas participan dende mañá sábado na I Miniolimpíada da Mancomunidade de Ordes


Haberá competicións de atletismo, fútbol sala, xadrez e orientación. As probas terán lugar nas pistas de atletismo de Vista Alegre e no pavillón Castelao II

Un total de 120 deportistas dos 7 municipios da comarca participan na I Miniolimpíada da Mancomunidade de Ordes. Fútbol sala, xadrez, orientación e atletismo serán as disciplinas deportivas que se disputen nesta convocatoria ao longo dos sábados 8 e 15 de outubro nas pistas de atletismo de Ordes e no pavillón Castelao 2.
As competicións de mañá arrancarán a partir das 16 horas coas probas de orientación, seguidas das de atletismo (velocidade e salto de lonxitude) e xadrez a partir das 17.30 horas. De cara á vindeira semana a xornada dará comezo con fútbol a partir das 15 horas, continuando con orientación, xadrez e atletismo ás 16 horas.
O maior número de participantes rexístrao Ordes con 43, seguido de Cerceda con 28, Frades con 18, Trazo con 11, Tordoia con 4 e Mesía con 2. Por disciplinas deportivas en atletismo competirán 77 corredores de todas as categorías, 50 futbolistas, 11 xadrecistas e 5 parellas nas probas de orientación. Ademais dos resultados de cada xornada haberá un equipo gañador, que será o concello con máis medallas de ouro.
Organizada polo Club Atlética A Silva, para a posta en marcha destas I Miniolimpíadas cóntase co patrocinio da Deputación da Coruña, e coa colaboración de Jogafán Fútbol Sala, Club SEO e Club Xadrez Oroso.