Luns 09 de Decembro de 2019

Caramelos de xenxibre, protector labial de laranxa, crema de caléndula ou alcohol de romeu nos obradoiros artesanais da Mancomunidade


As persoas participantes dos obradoiros tradicionais organizados pola Mancomunidade de Ordes tiveron esta fin de semana unha nova cita nos concellos de Ordes e Mesía, onde se impartiron clases de cosmética natural e plantas medicinais respectivamente. Caramelos de xenxibre para a tose, alcohol de romeu, bálsamo cicatrizante, protector labial de laranxa, crema hidratante de caléndula e ata bombas efervescentes de menta e lavanda para o baño, foi o que aprenderon a facer nesta ocasión.
Pendentes por impartir quedan outras tres sesións de cosmética natural, en Cerceda, os días 22 e 29 de outubro, e en Oroso o 19 de novembro. Ordes e Mesía acollerán tamén clases de fiado o 22 e 29 de outubro en ambos os casos; Frades de cestería o 5, 12 e 19 de novembro, e Oroso de plantas medicinais o 12 de novembro.
Un traballo que poderá contemplar toda a poboación do 16 ao 23 de decembro grazas á mostra que acollerá o Museo do Traxe Juanjo Liñares (Ordes). A dita iniciativa conta coa colaboración da Deputación da Coruña para a súa posta en marcha.