Luns 10 de Decembro de 2018

A AMTEGA concede o Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre


O gañador foi José Ángel Piñeiro Souto polo proxecto Caléndula

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Oficina de Software libre do CIXUG fallaron o Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre que vai xa pola súa IX edición.

O primeiro premio recaeu en José Ángel Piñeiro Souto, da USC, co proxecto Caléndula consistente nunha ferramenta para a xestión persoal da medicación e a mellora da adherencia, integrada na operativa das oficinas de farmacia a través da Folla de Medicación Activa e do Plan de Dispensación. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros achegada polo CIXUG ao abeiro do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.

Ademais, concedeuse tamén un segundo premio a Oscar Blanco Nóvoa, da UDC, co proxecto Sistema domótico para xestión enerxética que permite aforrar custes a través dun algoritmo de planificación que fai uso dos datos de custe horario da enerxía publicados por REE, cunha dotación económica de 750€ achegados pola Asociación GPUL, colaboradora da iniciativa ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa AMTEGA

A participación este ano foi novamente dun excelente nivel, recibíndose un total de 13 candidaturas*, que foron avaliadas centrándose principalmente na valoración do correcto licenciamento dos proxectos así como o uso de metodoloxía de traballo propia dos desenvolvementos en aberto, para escoller os 4 finalistas que defenderon hoxe ante o xurado os seus méritos para seren merecedores deste premio. Tras a oportuna deliberación o xurado procedeu a dar a coñecer o seu fallo.

Finalistas
Os outros dous finalistas do premio, a quen o xurado felicitou polo seu traballo foron:

• Pablo Castro Valiño, da UDC, co proxecto VACmatch Mobile. Unha aplicación web e móbil para que os árbitros de competicións deportivas poidan cubrir as actas dos partidos directamente no seu teléfono móbil, actualizando os resultados en tempo real, funcionando offline se non hai cobertura e sincronizando coa web da federación.
• Marcos Horro Varela, da USC, co proxecto Simulación de SPM con gem5. gem5 é un framework opensource para a exploración arquitectural de computadores. Neste proxecto creáronse extensións para a simulación de memorias scratchpad ou controladas por software no sistema.

Xurado
O xurado estivo composto por Daniel Iglesia Iglesias en representación da Universidade da Coruña; José Varela Pet en representación da Universidade de Santiago de Compostela; Alma Gomez Rodriguez en representación da Universidade de Vigo; José María Casanova en representación da Asociación de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL; Breogán Cinza Cabarcos en representación da Amtega e Mar Castro Pereiro en representación da Oficina de Software Libre da Amtega.

Sobre o Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre
A Amtega convoca este importante premio dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na cidadanía galega recollidas no Plan de Acción en Materia de Software Libre 2016.

Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar premiando o labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Proxecto Fin de Carreira e todo elo promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.

A colaboración do CIXUG e do GPUL neste premio forma parte das actividades que ambos realizan ao abeiro dos respectivos convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia no marco do Plan de Acción en Software Libre 2016.

*Xúntase listado de candidatos e proxectos participantes

• Lucia Álvarez Pazos. Biblioteca de control de robots. Proxecto consistente na programación dunha biblioteca xenérica para o control de robots móbiles montados coa placa Arduino e sensores. Inclúe tamén o deseño e montaxe dun robot no que se probou o funcionamento da biblioteca.
• Luís Fernández Núñez. Videoxogo roguelike oara invidentes. Proxecto consistente no desenvolvemento dun videoxogo do xénero roguelike enfocado cara a xogadores invidentes ou con deficiencias visuais mediante a adaptación do mesmo para o seu uso con lectores de pantalla e de descricións exhaustivas.
• Daniel Vázquez Brañas. Thymeleaf-rb Proxecto consistente en portar á platagorma Ruby o motor de modelos naturais dispoñibles Thymeleaf dispoñible para Java.
• Francisco Abel Cedrón Santaeufemia. Energlia. Aplicación web para a xestión de programas en diferentes contas de CPDs que conteñan un sistema de reparto de traballos baseado en NQS coa que se reparta a carga entre as diferentes colas.
• Eladio Fernández Barrigüete. CMDB para áreas sanitarias. Aplicación web para a xestión da configuración de equipos informáticos en áreas sanitarias.
• Rodrigo Martínez Castaño. Polypus. Software distribuído de análise de sentimento de tweets en tempo real con tecnoloxías Big Data.
• Darío Penas Sabín. Roomsgame. Desenvolvemento dun videoxogo roguelike para invidentes aplicando técnicas de Procesamento da Linguaxe Natural.
• Iago Filgueira Farto. Geousc. Proxecto consistente no desenvolvemento dunha solución que permite mellorar o acceso á información xeográfica das infraestruturas e servizos da USC, integrándoo coa información de tipo convencional dos mesmos mediante o uso de mapas interactivos.
• Álvaro Feal Fajardo. Proyectouni. Ferramenta web creada para axudar aos futuros estudantes do sistema universitario galego (SUG) a decidir que titulación estudar das ofertadas neste sistema.