Mércores 08 de Xullo de 2020

Máis de 500 persoas encheron o polideportivo Pilar Barreiro Senra de Lousame na masterclass de zumba a favor da ASGPOH


Vendéronse máis de setecentas entradas en favor desta asociación lousamiana sobre enfermidades ultrarraras

O polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra de Lousame quedou pequeno para acoller a I Masterclass de Zumba a favor da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), impartida por Zumba Noia. Nela tomaron parte máis de cincocentas persoas, entre nenos e adultos chegados non só de Lousame senón de toda a comarca, e mesmo houbo duascentas persoas máis que colaboraron adquirindo a entrada solidaria en favor de ASGPOH pero que finalmente non asistiron á masteclass.

Durante algo máis de hora e media, os sete monitores convocados por Zumba Noia (Luísa, Eneida, Luis, Nerys, Diana, Gabri e Maite) dirixiron unha divertida masterclass na que o número de participantes foi decrecendo segundo pasaban os minutos, de acordo coa súa forma física. De feito, só unhas decenas de persoas lograron rematar a sesión completa. Ao final, todos repuxeron forzas cun chocolate con churros cortesía do Restaurante O Trapeiro, un dos patrocinadores da xornada xunto a Deportes Casais, Decoraciones Gladys, Restaurante O Forno, Farmacia Busto, Hermida Deportes, Anelos, Floristería El Jardín, Montse Loureiro-A Nova e Farmacia María Antonieta Fdez.-Tomé. Todos eles achegaron agasallos que foron sorteados entre os presentes.

Eduardo Agraso, vicepresidente de ASGPOH, quixo agradecer “a Luísa Arufe por organizar esta masterclass tan vibrante e emocionante, a todos os profesores que nos acompañaro, aos patrocinadores polas súas doazóns, ao Concello de Lousame por ceder as súas instalacións, a todos os voluntarios da asociación polo seu traballo e aos centos de persoas que participaron, ben bailando, ben como espectadores, porque sen eles nada disto sería posible”.

Esta masterclass de zumba súmase a outras iniciativas solidarias organizadas dende ASGPOH, como dous campionatos solidarios de fútbol e baloncesto celebradas tamén en Lousame. Unhas iniciativas coas que a asociación busca dar a coñecer as enfermidades ultrarraras en xeral, e a heteroplasia ósea progresiva en particular, así como recadar fondos para a súa actividade e promover a investigación destas enfermidades.