Luns 19 de Novembro de 2018

O concello emprende a segunda fase da dixitalización dos arquivos históricos de Riveira cos libros de actas entre 1917 e 1960


O Concello de Riveira vai proceder, ao abeiro dunha liña de axudas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta, a emprender a segunda fase do fondo documental histórica do municipio co fin de facelo máis accesible aos cidadáns e investigadores e para mellorar a conservación dos documentos orixinais.

Así, o que o Concello pretende facer é a dixitalización dos Libros de Actas entre os anos 1917 e 1960 (a este respecto, cómpre lembrar que nestes libros quedan reflectidos os asuntos tratados nos plenos da Corporación tal e como foron aprobados).

Primeira fase
Na primeira fase xa executada procedeuse a pasar a formato telemático os Libros de Actas de entre 1862 e 1916; os padróns de habitantes de entre 1862 e 1960; e o Libro Rexistro de Emigrantes de entre 1923 e 1937.

Os traballos están sendo realizados por parte da empresa Unayta, consultora tecnolóxica radicada no Milladoiro e especializada na dixitalización de arquivos e xestión documental.