Martes 10 de Decembro de 2019

O concello honra o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia cunha placa no Cemiterio Municipal de Santa Uxía


O Concello de Riveira súmase este ano aos actos conmemorativos do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia a través dunha placa instalada no cemiterio municipal de Santa Uxía.

A idea desta celebración coincidente co Día de Defuntos xurde da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística coa intención de lembrar que a pesares de que é práctica habitual nos cemiterios a instalación de lápidas en castelán a meirande parte das persoas que alí xacen eran galegofalantes.

Neste senso, a citada entidade avoga por corrixir tal discordancia e se ben tal decisión abrangue á esfera persoal familiar, solicita dos poderes públicos a que animen a ese proceso de rehabilitación da memoria cultural e lingüística, razón pola cal operarios da da brigada de Obras instalaron dita placa coa seguinte lenda: “Na memoria das persoas que aquí xacen. Grazas a elas seguen vivas a lingua e a cultura do noso país”.

Accesibilidade
Neste senso, o recinto riveirense acolleu novas obras de accesibilidade a través da creación de rampas na zona posterior dereita: unha actuación que continuará coa conexión do sector coñecido como antigo cemiterio dos protestantes coa parte superior. Tamén foron pintados os muros, a capela e a zona de acceso, mentres que no de Palmeira pintouse a fachada polas dúas caras.

En ambos cemiterio repuxéronse as flores de tempada e limpáronse e desbrozáronse as zonas aledañas.