Luns 24 de Setembro de 2018

Os Servizos Sociais de Ordes informan da apertura do programa Xuntos polo Nadal


O programa permite ás persoas maiores desfrutar das celebracións do Nadal en compañía, nas residencias do Carballiño e Nigrán

O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ordes pon en coñecemento das persoas maiores que xa está aberto o prazo para participar no programa ‘Xuntos polo Nadal’.

A estancia terá lugar entre o 23 de decembro e o 2 de xaneiro. En total ofértanse 240 prazas, das cales 120 correspóndenlle á Residencia de Tempo Libre do Carballiño para as persoas solicitantes das provincias de Ourense e A Coruña, e as 120 restantes á residencia de Panxón (Nigrán) para as de Lugo e Pontevedra. Entre os requisitos esixidos figuran estar empadroados nalgún dos concellos galegos e vivir no seu domicilio, estar só nas datas do Nadal, non estar acollido nun centro residencial e valerse por si mesmo.

O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o mesmo 23 de novembro. Aquelas persoas con menores recursos económicos (ingresos mensuais inferiores 532,51€) poderán optar a prazas gratuítas, mentres que para as demais terá un custo de 50 €.

Para acadar máis información pódese chamar ao Departamento de Servizos Sociais (981680002), ou acceder á páxina web www.benestar.xunta.es.