Martes 19 de Novembro de 2019

A Mancomunidade de Ordes presenta o seu novo vídeo de promoción turística


Ao longo de sete minutos faise un percorrido polos aspectos máis destacados da paisaxe, cultura, arqueoloxía, deporte, arquitectura, gastronomía, lecer, tradición etc dos concellos da comarca. Tamén se fai referencia de xeito especial ao Camiño Inglés
A Mancomunidade de Ordes acaba de facer público o seu vídeo de promoción turística no cal se difunden todos os atractivos e lugares de interese para os visitantes que queiran coñecer a comarca. O traballo está a ser difundido a través de Internet ( http://bit.ly/2ftEzGZ ), así como nas páxinas web e plataformas dos Concellos da comarca, e servirá de ferramenta de promoción para todo tipo de actos e eventos públicos, como feiras, encontros ou xornadas temáticas e promocionais.
Dirixido por Xosé Rivera ao longo de case sete minutos faise un percorrido por cada un dos sete municipios que conforman a Mancomunidade de Ordes (Oroso, Trazo, Mesía, Tordoia, Frades, Cerceda e Ordes). A liña argumental baséase en aspectos relacionados coa gastronomía, o deporte e o tempo de lecer, a paisaxe e a vexetación, as infraestruturas públicas, a natureza e as rutas de sendeirismo, a agricultura da zona, monumentos e valores arqueolóxicos, a cultura e tradición etc. Todo para enxalzar o grande atractivo que en conxunto conforma a que, dende 1978, é a mancomunidade máis lonxeva de toda Galicia. En medio de todo isto ocupa un lugar destacado o trazado do Camiño Inglés, que a día de hoxe e a nivel mundial está a ser o mellor escaparate para a zona, e o reclamo que cada ano atrae a milleiros de visitantes.
O vídeo conta co financiamento da Deputación da Coruña na súa totalidade.