Luns 21 de Maio de 2018

Augas de Galicia executa traballos de conservación e mantemento en máis de trece quilómetros do río Grande e Anllóns, no concello da Laracha


As tarefas consisten na retirada de árbores e polas caída á canle do río e nas marxes e teñen un custe de 20.000 euros

A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar os traballos de mantemento e conservación no río Anllóns e Grande, ao seu paso polo Concello da Laracha. Trátase dunha tarefa de mantemento en varios treitos destes ríos, que implican o desbroce a pe e mecanizado das marxes, para impedir a ocupación da mesma pola vexetación, así como da retirada de polas e árbores presentes na canle.

No río Grande actuarase en dous treitos, que conflúen co río Anllóns e que suman 4.700 metros; mentres que no río Anllóns se mellorarán 8.600 metros de río, de tres tramos (en forma de i grego) diferentes. No mapa indícanse os tramos nos que se actuará no río Anllóns:

Os traballos levaranse a cabo durante vinte xornadas e será necesario empregar maquinaria, como tractores, motoserras ou camións. O importe desta actuación supera os 20.000 euros.

Cabe recordar que os traballos de roza están recollidos dentro do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público das bacías de Galicia-Costa e as súas zonas de acceso e protección que a Xunta de Galicia promove.