Luns 10 de Decembro de 2018

O Concello de Ordes acollerá a partir da vindeira semana o Curso Federativo de Monitor de Fútbol Base


Está convocado pola Federación Gallega de Fútbol. O prazo de inscrición permanecerá aberta ata completar as 35 plazas ofertadas

A cidade deportiva de Vista Alegre acollerá dende o martes da vindeira semana o Curso Federativo de Monitor de Fútbol Base, cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto ata que se completen as 35 plazas ofertadas. A convocatoria está aberta a todas as persoas interesadas que teñan de 16 anos en adiante.
O dito curso está convocado pola Federación Gallega de Fútbol e será impartido pola Escuela Nacional de Entrenadores ata finais de xaneiro. Entre os seus obxectivos están os de completar a formación e habilidades necesarias para acadar a titulación oficial federativa como monitor de fútbol base. Aqueles que finalicen o curso estarán acreditados tamén para adestrar equipos federados ata a categoría cadete. A asistencia permite ademais a convalidación do bloque de prácticas do nivel 1 do curso federativo Instructor de Fútbol Base.
A estructura xeral do curso inclúe áreas de ensinanza comúns, compostas por módulos transversais de carácter científico e técnico xeral, así coma outras específicas propias do fútbol base. A carga lectiva terá unha duración total de 65 horas, que se desenvolverán dende as 20 ás 23 horas os martes e os xoves, e de 9 a 14 horas os sábados.
O custo do curso será de 150 euros en total. Para formalizar a matrícula ademais do xustificante de ingreso será necesario aportar unha fotocopia do DNI, dúas fotografías tamaño carné e o impreso de inscrición debidamente cumplimentado. Todo elo deberá entregarse ben no departamento de Deporte do Concello de Ordes, a través do correo electrónico escuelagallega@gmail.com (neste caso as fotografías entregaranse o primeiro día de clase), ou ben ao enderezo Escuela Gallega de Entrenadores, Federación Gallega de Fútbol, rúa Menéndez Pelayo Nº 18, 2º piso. CP 15005 (A Coruña).