Mércores 17 de Outubro de 2018

Aberta a inscrición no Programa Municipal de Conciliación do Nadal 2016


Hoxe venres, 18 de novembro, ábrese o prazo de inscrición no Programa de Conciliación Laboral e Familiar do Nadal 2016, organizado pola Concellaría de Educación e Cidadanía. A inscrición permanecerá aberta ata o venres 2 de decembro.

Este programa concíbese como un espazo educativo e de promoción do lecer, ademais de ser unha alternativa de conciliación para as familias no tempo de vacacións do Nadal. Está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. As actividades desenvolveranse os días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro de 2016, e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 2017 no CEIP As Fontiñas e no CEIP Raíña Fabiola, de alcanzarse o número mínimo de participantes requirido.

Poden participar nenos e nenas empadroados no Concello de Santiago de Compostela ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Poden participar todos os días do programa ou en días soltos.

A inscrición realizarase a través Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende, 4) ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16), cubrindo o formulario dispoñible nesta web, no Departamento de Educación e Cidadanía ou nos propios rexistros. A admisión será por rigorosa orde de inscrición.

O programa funcionará en horario de 7:45 a 16:00 horas. O servizo de madrugadores habilitarase de 7:45 a 9:00 horas e poderá ser con ou sen almorzo. De 9:00 a 14:00 horas realizaranse os obradoiros e actividades. Finalmente, entre as 14:00 e as 16:00 horas, existe a posibilidade de solicitar o uso do servizo de comedor.
Documentos relacionad