Xoves 18 de Outubro de 2018

A Xunta solicita licenza municipal para a rehabilitación de dous edificios da súa propiedade no casco vello de Betanzos


Trátase dos edificios situados en Cerca, 9 e Venela dos Clérigos, 13, nos que se obterán tres vivendas e dous locais

A Xunta vén de presentar a solicitude para a obtención da licenza municipal para a rehabilitación dos edificios da súa propiedade emprazados nas rúas Cerca 9 e Clérigos 13 no Concello de Betanzos, co obxectivo de licitar as obras de rehabilitación en canto se dispoña de dita documentación.

No edificio da rúa da Cerca 9 prevese obter dúas vivendas e un local comercial no baixo, para a súa rehabilitación cóntase cun investimento que se achega aos 480.000 euros.

Polo que respecta ao edificio de Venela dos Clérigos 13, construirase unha vivenda e un local comercial no baixo. En total, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda conta cun orzamento de preto de 220.000 euros, para a rehabilitación e a adquisición da propiedade.

Neste momento, está en redacción o proxecto de rehabilitación do edificio da rúa Cerca 13, no que se obterán tres vivendas e un local comercial, cun investimento previsto de preto de 600.000 euros.