Mércores 20 de Xuño de 2018

A Asociación Amigos da Música de Ordes dedícalle o día de Santa Icía aos antigos mestres da Escola Municipal de Música


Ao longo de todo o día a Banda de Música de Ordes celebrou á súa patroa cun programa repleto de actuacións e cun gran xantar popular. Preto de medio milleiro de persoas participaron nos distintos actos

Arredor de medio millar de veciños, veciñas, seguidores da Banda de Música de Ordes e afeccionados á música congregáronse no Campo da Feira para celebrar cunha chea de actos o día da patroa dos músicos, Santa Icía, o cal terá lugar o vindeiro martes. Unha data do máis especial e na que o protagonismo recaeu nos antigos mestres e profesores da Escola Municipal de Música de Ordes.
Nada mais finalizar o primeiro concerto da mañá os docentes Silvia Amor Faya, mestra de clarinete e integrante da Banda de Ordes dende o seu inicio; Mari Carmen Fernández Vidal, fundadora da Banda de Música Municipal Rosalía de Castro de Padrón; Javier Pazos Pintos, actualmente membro do cuarteto de clarinetes ‘Claretino’ e da Banda de Música de Santigo; José Manuel Ces García, trompetista da Banda de Música de Santiago; Cesareo Pombo Cabanas, destacado intérprete de trombón; Fernando Gontad Losada, que impartiu clases en Ordes dende 1990 ata 2015 e foi director durante anos da formación, subiron ao escenario para recibir unha placa e un caluroso aplauso en sinal de agradecemento polo seu labor. Especiamente cariñosa foi a ovación que se lle brindou a José Ramón España Lorenzo, primeiro profesor que tivo a Escola de Música de Ordes. Os organizadores non se esqueceron de Hilario Rodeiro, Pablo López, José Manuel Suárez e Olimpio Carril, profesores que por diversos motivos non puideron acudir hoxe á cita.
Fundador de honra
Tamén se fixo mención especial a Manuel María Concheiro, fundador e presidente de honra da Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes.
Dous dos integrantes actuais da Banda de Ordes foron os encargados de descubrir o gran panel artesanal realizado en madeira no que se podían ler os 144 nomes das persoas que dende 1932 ata o día de hoxe formaron parte do percorrido histórico desta formación tan ben querida en terras, incluso, de máis aló do territorio ordense.
Tras o xantar, no que abundaron produtos típicos galegos como empanadas, polbo e bos viños, chegou a sobremesa na que se levaron a cabo sorteos de agasallos e xogos populares. Os membros da Banda de Ordes non tardaron en ocupar novamente o seu espazo no escenario situado na carpa con calefacción que se instalou especialmente para a ocasión no céntrico Campo da Festa. O chamado concerto do ‘XV Aniversario’, contou tamén coa participación da Banda Xuvenil de Ordes. As orquestras Os Modernos e Xacobeo, e o grupo Embruxo Gaiteiros completaron o programa de actuacións no día de hoxe.
Entre os que non se perderon esta cita estiveron o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, cos concelleiros Susana García e José Manuel Mira.Tamén acudiu Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, ademais doutros membros das corporacións locais dos municipios da comarca.
O evento de hoxe foi organizado pola Asociación Amigos da Música de Ordes, en colaboración co Concello de Ordes e a Deputación da Coruña.