Luns 10 de Decembro de 2018

Os nenos e nenas do IES de Oroso participan esta semana no programa “IgualaR3”, contra a violencia de xénero e a prol da igualdade


O concelleiro de Ensino, Antonio Leira, participou na primeira xornada deste programa posto en marcha polo Concello de Oroso, a Mancomunidade de Ordes e a Secretaría Xeral de Igualdade

“Sen educación non conseguiremos xamais eliminar a lacra da violencia de xénero da nosa sociedade”. Son palabras de Antonio Leira, concelleiro de Ensino de Oroso, durante a a celebración esta mañá do primeiro dos obradoiros incluídos no Programa IgualaR3, unha iniciativa que por segundo ano consecutivo o Concello de Oroso e a Mancomunidade de Ordes, a través do Centro de Información á Muller, poñen en marcha en colaboración co IES de Oroso. Un programa que naceu para formar criticamente á poboación xuvenil da comarca de Ordes, co obxectivo de que medre sen prexuízos sexistas e mantendo unhas relacións de igualdade entre homes e mulleres.

Durante esta primeira semana do mes de novembro, as aulas do IES de Oroso acollerán actividades para mellorar a comunicación entre iguais e para aprender a resolver os conflitos de xeito pacífico por medio da escoita activa, a expresión de sentimentos e a asertividade. Os alumnos e alumnas (de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO) participarán en dúas xornadas de sensibilización nas que traballarán sobre a crúa realidade da violencia de xénero: as cifras reais desta lacra, os tipos de violencia, as posibles causas e consecuencias, os recursos existentes para combatela… “Queremos que os nenos e nenas de Oroso reflexionen sobre como o seu comportamento pode contribuír a transmitir ou eliminar a violencia contra as mulleres”, explica Leira Piñeiro.

Uso da tecnoloxía

Nesta segunda edición o programa IgualaR3 incorpora actividades novas para que o alumnado poida identificar e percibir o risco de que determinados usos da tecnoloxía fomenten a violencia machista e reproduzan comportamentos contrarios á igualdade. “Falamos de aspectos como que un mozo lle queira controlar as mensaxes á moza e cuestións de gran actualidade”, sinala o concelleiro de Ensino.

Entre as actividades previstas se inclúen, ademais das dúas xornadas de sensibilización, unha proxección dos traballos audiovisuais realizados nas sesións de traballo; a lectura e sinatura nas aulas dun manifesto contra a violencia de xénero elaborado polo alumnado e unha actividade para o propio 25 de Novembro, data na que o alumnado do IES Oroso poderá fotografarse diante dun photocall con lemas contra a violencia de xénero. Calquera persoa interesada poderá coñecer as actividades nun blog (programaigualar.blogpost.com.es) no que irá aparecendo información relacionada co programas: fotografías, vídeos, traballos, recursos, etc.
Programa IgualaR3

O Programa IgualaR3 está organizado polo Concello de Oroso e a Mancomunidade de Ordes, en colaboración co Centro de Información á Muller. A iniciativa está subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo. Nel participarán alumnos e alumnas de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO dos seguintes centros:

– o IES Oroso (3, 4, 5 e 7 de novembro)
– o CPI O Cruce, de Cerceda (6, 11, 18 de novembro)
– o CPI Pontecarreira de Frades (12, 14, 19 e 24 de novembro)
– o IES Nº 1 (6, 10, 11, 14, 17, 18, 20 e 21 de novembro) e o IES Maruxa Mallo de Ordes (11, 13, 14, 18, 20 e 21 de novembro)
– o CPI Pecalama de Tordoia (10, 14, 17, 21 de novembro)
– o CPI Viaño Pequeno de Trazo (20 de novembro)
– o CPI Xanceda de Mesía (24 e 25 de novembro)