Xoves 18 de Outubro de 2018

O Programa “Profesionalización no Camiño” chega a Fisterra cunha xornada de formación promovida por Turismo de Galicia


O curso ten como obxectivo mellorar o nivel de profesionalización do sector facendo especial fincapé na atención ao peregrino e a súa experiencia en Galicia

O programa Profesionalización no Camiño chega mañá a Fisterra cunha nova xornada de formación promovida por Turismo de Galicia a través da Escola de Turismo Itinerante.

A iniciativa ten como obxectivo mellorar o nivel de profesionalización do sector facendo especia fincapé na atención ao peregrino e a súa experiencia en Galicia así como poñer en valor a gastronomía e os produtos de Galicia no Camino de Santiago.

Así, a través do curso que terá lugar mañá no municipio coruñés polo que transcorre a Ruta Xacobea, propietarios e traballadores de restaurantes e cafeterías con servizo de comida no Camiño de Santiago poderán coñecer diferentes opcións para ofrecer menús con produtos galegos e optimizar os procesos de elaboración e aprovisionamento para facer un produto rendible.

Con este tipo de cursos, a Escola de Turismo Itinerante do Centro Superior de Hostalería de Galicia busca mellorar a calidade dos restaurantes dos municipios polos que transcorren as Rutas Xacobeas e concienciar, a súa vez, a estes profesionais que son grandes promotores do Camiño de Santiago e da gastronomía galega.

Santiago de Compostela
Durante este mes de novembro a Escola de Turismo Itinerante continuará poñendo en valor a gastronomía de Galicia no Camino cunha nova xornada o día 28 en Santiago de Compostela.