Martes 02 de Marzo de 2021

Lousame pon o acento na educación dos máis novos para erradicar a violencia de xénero


Alumnado do CEIP Cernadas de Castro completou este mediodía unha andaina entre a casa consistorial e o seu centro educativo

Os actos de conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero do Concello de Lousame puxeron o acento na educación dos máis novos para erradicar este grave problema social. De feito, os protagonistas das actividades programadas foron alumnos e alumnas do CEIP Cernadas de Castro, que efectuaron unha andaina entre a Casa do Concello e o seu centro educativo, acompañados por veciñanza e integrantes das asociacións Misela e A Creba.

Encabezada polo lema ‘Engánchate ao bo trato’, na marcha os estudantes portaron diverso material elaborado por eles mesmos nas aulas como conmemoración do 25 de Novembro. Nas pancartas podíanse ler expresións como ‘Queremos mulleres con corazóns cheos de vida’ ou ‘Non á violencia de xénero’. A maior parte destes traballos incorporaron a cor laranxa, establecida pola ONU para as campañas desta xornada.

Previamente, tivo lugar a lectura dun manifesto na Casa do Concello e un minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia de xénero. Ao manifesto púxolle voz a concelleira de Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, quen destacou a importancia de denunciar as agresións, fomentar a educación igualitaria e defender “unha sociedade xusta e igualitaria para todos”.

Paula Moledo, veciña de Lousame, leu de seguido un texto co que a escritora Anxos Sumai presenta a exposición ‘Cartas de Amor’. Esta mostra poderase ver no CEIP Cernadas de Castro desde o vindeiro 29 de novembro ata o 15 de decembro. O obxectivo e concienciar aos adolescentes para que cambien o mundo utilizando valores como a tolerancia, o diálogo, a tenrura, a sensibilidade ou a intelixencia. “Amar non é anular á persoa amada, nin impoñer autoridade dentro dunha relación”, leu Moledo.

Neste sentido, a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, apelou á mocidade como “o futuro que podedes cambiar esta sociedade machista”. “Este é un problema social, de todos, e tedes que tomalo moi en serio, porque non se pode consentir nin unha agresión nin moito menos unha morte máis por violencia de xénero”. Como primeiro paso, a rexedora animou a “identificar, non xustificar e eliminar” os xestos de machismo que se observan a cotío na vida diaria.