Domingo 25 de Outubro de 2020

A Mancomunidade de Ordes entrega os premios convocados pola xornada do 25 N


O presidente do ente e a concelleira de Medio Ambiente de Ordes, Roberto Rey e Ana Soneira, compartiron co alumnado de varios institutos da zona este día

O presidente da Mancomunidade de Ordes, Roberto Rey Martínez, e a edil do Concello de Ordes, Ana Soneira, foron os encargados de entregar os premios aos carteis gañadores do concurso convocado co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Un día que aproveitaron para rodearse de mozos, mozas e docentes para compartir con eles e elas encontros e momentos de charla nos que intercambiaron impresións sobre a violencia machista.
No IES Maruxa Mallo María José Rodríguez Duarte, estudante de 2º curso de ESO, recolleu a tableta obtida polo primeiro premio outorgado ao seu traballo. No cartel pódese ver a unha moza coa boca tapada e en actitude de submisión coa mensaxe “Aínda que teña a boca tapada podo falar igual”. Un traballo que xa colga por moitos dos bares, edificios públicos e establecementos da comarca, ademais de en redes sociais e páxinas web dos concellos. Outra das dinámicas levadas a cabo provocou que este centro se enchera hoxe de puntos violetas, os cales se podían ver tanto polas paredes como nas pezas de roupa, caras ou mans de alumnos, alumnas e profesorado. Un sinal propio creado para dar visibilidade á repulsa da violencia machista. Un mural co nome das vítimas mortais rexistradas neste ano servía de homenaxe e de lembranza a todas elas.
O segundo premio foi parar a mans de Wisal Fathallah Fathallah, de 1º curso de ESO do IES Nº 1, dotado cun disco duro. Lucía Sanjurjo Rey, estudante de 4º da ESO do CPI Ponte Carreira, acadou o terceiro premio, o que lle supón uns auriculares.
Tanto o presidente da Mancomunidade como a edil do Concello de Ordes tamén axudaron a repartir os calendarios e as chapas realizados coa imaxe do cartel gañador e coas mensaxes ideadas polas persoas participantes. “Máis violeta e menos morado”, “machismo escríbese con M de monstro”, “nin nós violentos nin elas fráxiles”, “deixemos as medias laranxas para facer zume”, “control non é amor”, “non deixes pegadas de feridas deixa pegadas de felicidade” e “se non te fai feliz NON”, son algúns deles.
Roberto Rey e Ana Soneira destacaron “a importancia que as novas xeracións e a xente moza teñen para poñer fin a este problema, un dos máis importantes e de maiores consecuencias para a sociedade hoxe en día”. Tamén quixeron “lembrar a responsabilidade que temos todos e todas nesta cuestión social, máis aló do xénero, da condición social, raza, crenzas etc”. Non se esqueceron de felicitar e agradecer “a todos os axentes implicados, tanto dende o eido académico, institucional, familiar etc, por loitar día a día contra a violencia machista con accións e campañas deste tipo”.