Mércores 11 de Decembro de 2019

A exposición fotográfica «Vía Iacobitana I» recala en Fene durante o mes de decembro


A mostra sobre os camiños a Santiago inaugurarase este venres ás 12.00h. no salón de plenos do Concello

Os fotógrafos galegos Tino Diz e Luis Gabú convertéronse en peregrinos para retrataren os distintos itinerarios xacobeos coa mirada posta na arquitectura, na paisaxe e tamén nas vivencias que só se poden ver desde dentro, facendo o Camiño de Santiago . Desa experiencia patrocinada por Turismo de Galicia e a empresa Viaqua saiu unha colección de 50 fotografías a xeito de mosaico sobre as rutas con toda a variedade que gardan en canto a patrimonio e esencia sociocultural. A mostra inaugurarase o venres ás 12.00h. no salón de sesións do Concello de Fene, onde poderá visitarse polas mañás -de 9 a 14.00h.- de luns a venres ata o 30 de decembro.

A exposición vén aumentar o legado iconográfico xacobeo existente e tamén «perpetuar no tempo os instantes da Ruta e as vivencias de quen a realizan», así como poñer en valor o labor de profesionais galegos da fotografía. Así, as imaxes exhiben a multiforme esencia do Camiño de Santiago, o sentido «xeneroso e aberto» da peregrinación xacobea e o seu «inesgotable poder de atracción».

A colección de 50 fotografías é obra de Luis Gabú e Tino Diz. Nela plasman a súa visión particular e as sensacións que lles suxire a experiencia de percorreren por si diversos itinerarios en distintas épocas do ano, recollendo coa mediación da cámara e a súa propia percepción xentes que fan o Camiño, a veciñanza que vive ao seu carón e o patrimonio cultural que salfire todas as rutas xacobeas.

Rutas que, tal e como describe a ficha da exposición, están «ao alcance de calquera que desexe sentir en carne propia unha experiencia milenaria vencellada a unha xeografía sagrada única, a un itinerario universal e aberto, berce da cultura occidental e expresión refinada dunha civilización en marcha».

«Vía Iacobitana I» leva percorridos numerosos concellos galegos durante este 2016 e mesmo se ten presentado noutros lugares do Estado tocados polos itinerarios xacobeos. Agora chega a Fene, onde permanecerá aberta ao público no salón de plenos municipal durante todo o mes de decembro. A mostra inaugurarase este venres ás 12.00h. e a partir deste día poderá visitarse pola semana entre as 9 e as 14.00h. Os sábados, domingos e festivos permanecerá pechada.