Venres 15 de Decembro de 2017

A Xunta de Galicia investirá case 169.000 euros na mellora dos camiños rurais do concello de Aranga entre 2013 e 2015


O obxectivo fundamental destas intervencións é arranxar deficiencias e dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación no medio rural

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou o concello de Aranga para supervisar o resultado das obras de acondicionamento de varios camiños rurais deste municipio realizadas ao longo deste 2014 e analizar os proxectos previstos para o vindeiro exercicio a través do Plan marco de mellora de camiños rurais de titularidade municipal que ven desenvolvendo a Consellería do Medio Rural e do Mar e que, este ano, estará cofinanciado pola Deputación da Coruña.

Así, o municipio contou no programa 2013-2014 cunha achega de 62.602 euros, que serviron para acondicionar o camiño que une Santiso e a Fraga de Santiso, na parroquia de Vilarraso, e o que vai desde Vallo a Silvarredonda, na parroquia de Fervenzas. Segundo comprobou Do Campo, que estivo acompañada polo alcalde, Alberto Platas, actuouse sobre máis de 1,5 quilómetros de pistas, nas que se realizaron tratamentos asfálticos superficiais para mellorar a capa de rodadura, procedeuse á limpeza das cunetas xa existentes e abríronse outras novas nalgúns puntos.

Na mesma liña, o rexedor trasladoulle á delegada territorial o proxecto que está a elaborar o concello para continuar con estas actuacións nos vindeiros meses, que inclúe o arranxo da estrada que une Reborica e Cambás. En virtude do convenio asinado entre Medio Rural e a Deputación hai escasas semanas, o concello recibirá entre 2014 e 2015 unha achega de 105.844 euros, é dicir, un 69% máis que na convocatoria anterior.

O obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural. Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

No seu percorrido pola zona, a representante do Goberno galego na provincia tamén subliñou que se trata dunha actuación que se leva a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta, a Deputación e o concello de Aranga. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle á responsable local “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.