Martes 27 de Outubro de 2020

A Deputación incorpora ao seu orzamento un novo plan con 25 millóns de euros para préstamos aos concellos a interese cero


O presidente provincial presentouse como “o único titular dunha deputación española con débeda cero”

O presidente da Deputación da Coruña presentou en sede parlamentaria o avance do que serán os orzamentos para o ano 2015, cun montante total de uns 171,9 millóns e un incremento dun 9% con respecto ao exercicio actual.

“A miña obriga democrática é facer balance do conseguido ata agora e tamén do que nos queda por facer”, asegurou Diego Calvo ao comezo da súa intervención, para aseverar que acudía “a este Parlamento orgulloso de presentar unha administración saneada, con débeda cero e libre de cargas para o futuro”.

Neste capítulo, no da cancelación da débeda financeira, lembrou que cando o PP chegou ao goberno provincial, existían 97 millóns de préstamos pendentes de amortizar. “Non só mantivemos un mandato sen recorrer a operacións crediticias, senón que cancelamos totalmente a nosa débeda”, explicou Calvo, que tamén relatou os efectos beneficiosos deste xeito de actuar que, matizou, “outros partidos o outros movementos critican”.

Os recursos económicos, para quen máis os necesita
“Coa cancelación da débeda puxemos en marcha, en colaboración con ABANCA, o plan Activamos, con 72 millóns de euros para créditos para familias, pequenos emprendedores e corporacións locais. É dicir, puxemos os cartos ao alcance de quen máis os necesita. E ademais, agora somos quen de liberar unha partida de 25 millóns de euros que antes reservabamos para o pago de débeda e intereses e que destinaremos a un novo plan provincial dirixido, de novo, aos concellos”, explicou.

Así, anunciou a creación dese plan, con criterios de reparto obxectivos, con interese cero para os concellos, con 1 ou 2 anos de carencia e cun prazo de devolución de 10 ou máis anos. As finalidades, pola súa banda, quedarán definidas polo nivel de débeda de cada municipio: amortización de préstamos nos municipios que o necesiten e investimentos para os que carezan de débeda.

“Por iso, grazas á nosa cancelación de débeda, facemos posible que tamén os concellos poidan reducir as súas cargas e realizar investimentos, algo que agora está moi limitado pola lei”, matizou Calvo, que a modo de conclusión relatou que este plan é adicional ao POS e que, polo tanto, os concellos coruñeses disporán no orzamento da Deputación deste ano de “preto de 50 millóns de euros de inversión directa”.

Axuda aos concellos e incremento dos proxectos sociais
No capítulo de axuda aos concellos, o presidente da Deputación recordou tamén que, sumando todos os plans e proxectos postos en marcha nos últimos anos, resulta que “o goberno do PP deixou nos 93 concellos da provincia preto de 300 millóns de euros”.

Citou como exemplo que, no ano 2011, a partida destinada a Servizos Sociais nos concellos era de 2,5 millóns de euros e que hoxe esa partida suma un total de 6.345.312,63 euros.

“Iso no que respecta aos concellos, porque no caso das entidades sociais sen ánimo de lucro esa partida multiplicouse case por dous: de 999.443,67 no ano 12 a 1.750.758,66 no 14”, explicou o titular provincial, que avanzou que para o orzamento de 2015 está previsto tamén incluír un novo capítulo destinado a financiar proxectos de emerxencia social e outra para axudar “aos investimentos dos concellos” e “demostrar que temos vontade de crecer e de axudar aos municipios da provincia a saír da crise económica”.

Insistindo na boa xestión financeira realizada durante todo o mandato, Calvo anunciou que o orzamento conta con 3 millóns de euros procedentes dos pagos permite aprazar o Estado con cargo á devolución dos adiantos dos anos 2008 e 2009. “Temos esa cantidade adicional, que non está suxeita a ningún tipo de interese, para poder investir onde máis se necesita, que serán outra vez os servizos sociais e os nosos concellos”.

Os emprendedores
Como terceira prioridade do goberno da Deputación, Diego Calvo citou aos emprendedores, aos que xeran riqueza e son quen de crear emprego. A modo de balance, relatou os proxectos asinados coa Escola de Organización Industrial do Ministerio de Industria para mellorar a competitividade das pemes do sector turístico ou para a creación dunha Factoría de Innovación na que teñen solicitado a súa inscrición xa 180 firmas.

“No campo da promoción económica temos investido no último trienio preto de 11,5 millóns de euros a través da convocatoria ordinaria de subvencións nas súas diferentes liñas e estamos traballando na posta en marcha do primeiro Encontro Empresas-Concellos, para facilitar o intercambio de información e de oferta entre os nosos concellos e as nosas ofertas”, explicou.

Cesión do polígono de Sabón e fusión Oza-Cesuras
Finalmente, tras citar fitos como a cesión do polígono de Sabón ao Concello de Arteixo ou a conclusión da primeira fusión municipal que se produce en Galicia nos últimos 40 anos, Calvo apelou á colaboración dos parlamentarios para conseguir que “para o ano 2015, se eleve o teito de gasto para aquelas entidades locais que, como a Deputación da Coruña, cumpren e teñen cumprido sempre cos obxectivos de estabilidade orzamentaria”.