Sábado 15 de Decembro de 2018

A Xunta de Galicia destina máis de 80.000 euros a diversas actuacións de mellora medioambiental no concello de Malpica


As obras leváronse a cabo a través do Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, reuniuse co alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, para analizar o resultado dos traballos realizados coa subvención destinada á mellora de servizos de protección do medio ambiente no municipio. Unha vez comprobada a execución destes proxectos, procedeuse á sinatura da acta de conformidade para o cobro da axuda.

O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou estas actuacións cunha achega de 80.660,23 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico. O Fondo procede do canon eólico e xa leva sete anos beneficiando aos concellos galegos con explotacións eólicas a través de pequenas obras, pero moi necesarias.

Por unha banda, estes fondos serviron para a instalación por parte do concello de 40 módulos led en luminarias existentes e 12 novas luminarias led na praza de Alén e zonas axardinadas e peonís de Buño, 57 luminarias led e un novo cadro de mando e de protección nas rúas Santa Catalina e Santa Filomena, e 64 luminarias led nas rúas Mouróns, Boa Vista, A Costa, Forno Novo e O Galo.

As novas luminarias ofrecen un alumeado público máis moderno, eficiente e respectuoso co medio ambiente. Así, con cargo ao plan impulsado desde a Xunta de Galicia, substituíronse as antigas luminarias de vapor de sodio por haloxenuros metálicos, que se caracterizan por emitir unha cor moi próxima ao branco, pola súa elevada eficiencia luminosa, un rendemento cromático óptimo e unha duración media moi elevada.

Por outro lado, parte desta axuda destinouse tamén á adquisición de colectores de vidro e lixo. En concreto, incorporáronse 36 colectores verdes de 800 litros, 15 colectores verdes de 360 litros e 10 colectores de vidro.

Nove municipios da comarca beneficiados
Co Fondo de Compensación Ambiental, por primeira vez os concellos se benefician dos parques eólicos que hai en Galicia. Redunda na mellora das condicións ambientais, axuda ás arcas municipais e contribúe ao reequilibrio territorial. Rodeiro recordou que este é o sexto ano consecutivo no que nove concellos da comarca (A Laracha, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Camariñas, Vimianzo, Zas e Dumbría) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.