Mércores 17 de Outubro de 2018

Licitadas as obras de optimización dos bombeos da Pasaxe e do Temple por 2,1 millóns de euros


Tal e como avanzou onte a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación desta actuación coa que se avanzará no saneamento integral da Ría do Burgo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe (http://bit.ly/2gQN00V) a licitación do contrato de obra de optimización dos bombeos da Pasaxe e do Temple, no Concello de Oleiros, por un importe de 2,1 millóns de euros.

Así o avanzou onte a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante unha visita ao Concello de Oleiros, onde recordou que coa actuación que se licita hoxe dáse un novo paso cara o saneamento integral á ría por parte da Xunta.

As obras consistirán na construción dun sifón, que permitirá diminuír significativamente os alivios á ría e incrementar a eficiencia enerxética do sistema posibilitando un importante aforro nos custos da Edar de Bens.

A optimización dos dous principais bombeos do sistema da Coruña e da área metropolitana (o de Pasaxe – Asteleiros, situado no concello de Oleiros; e o de O Temple, en Cambre), para minimizar os vertidos cando chove e reducir os custos de explotación en tempo seco.

Esta nova tubaxe en sifón terá unha dobre función: permitir que unha parte importante das augas residuais do concello de Oleiros cheguen á EDAR de Bens sen pasar polo bombeo de Pasaxe, o que conlevará un importante aforro enerxético no xestión desta parte do sistema de saneamento; e por outra banda, permitir que o bombeo situado no Temple (Cambre) impulse un maior volume de auga residual cara o bombeo de Pasaxe, evitando os pequenos alivios que se poden producir na actualidade en momentos de chuvia.

A lonxitude total do sifón a executar son case 1.500 metros, desde a denominada Glorieta do Che Guevara ata a Ponte Pasaxe, onde conecta cun colector existente que cruza baixo o leito da ría de O Burgo e acaba no túnel de Bens. Ademais, inclúense pequenas actuacións para mellorar os bombeos que existen no entorno de Ponte Pasaxe.

Cómpre recordar que esta nova actuación súmase á obra para a construción do tanque de tormentas de Santa Cruz, cun orzamento total de 3,6 millóns de euros, que se iniciarán nas vindeiras semanas, despois de asinar o contrato.

A obra licitada hoxe está recollida no Plan de Saneamento Local da Ría do Burgo, elaborado por Augas de Galicia e finalizado en 2012. O obxectivo deste plan foi identificar as actuacións necesarias para evitar os alivios de auga residual á ría en tempo seco e mellorar o funcionamento de todo o sistema en tempo de chuvia. Para a Xunta de Galicia, a Ría do Burgo é unha prioridade estratéxica, tal e como demostra o investimento de máis de 100 millóns de euros no seu saneamento nos últimos 15 anos.