Mércores 25 de Novembro de 2020

O Concello de Fene proxecta aglomerar a estrada que cruza o núcleo de Lubián


O lugar de Lubián, en Sillobre, estará dentro de pouco en obras por mor da reparación da estrada que cruza este núcleo de poboación. O proxecto que o Concello de Fene ten en fase de licitación define uns traballos consistentes na mellora da drenaxe do eixo viario e o seu posterior arranxo cunha nova capa de aglomerado. O orzamento base aproxímase aos 60.000 euros, sufragados con cargo ao PAI provincial.

Tal e como se describe na documentación técnica das obras, a zona de intervención presenta “un estado de deterioramento palpable” motivado principalmente polo tránsito de maquinaria pesada e pola “deficiente situación” do sistema de drenaxe da vía.

Por esta razón o Concello planificou en primeiro lugar limpar as cunetas existentes que, na parte central do tramo, irán revestidas con cemento e incorporarán o reforzo dun muro coas zapatas afectadas pola erosión. Nese punto tamén se instalará unha tubaxe transversal de canalización da auga co obxectivo de previr o debilitamento da base da estrada xusto onde nestes momentos presenta os danos máis evidentes.

A área de actuación cobre unha distancia de 630 metros na que, finalmente, se fará un rebacheo, reforzarase o firme e botarase unha nova capa de rodadura de aglomerado. O prezo de licitación das obras cuantificouse no proxecto en 59.986,86€, ive incluído, que o Concello encadrou na liña financeira do Plan de Aforro e Investimento da Deputación da Coruña.

Canda a reparación do principal eixo viario de Lubián, o Concello de Fene tamén incluiu no PAI provincial outros dous proxectos máis. O primeiro deles servirá para arranxar o camiño que vai da Revolta a Formosende (Fene), a rúa Río Cádavo (Perlío), o camiño do Castro desde os Loureiros (Barallobre) e as pistas do Valadoiro e Valado en Sillobre, englobados nun único paquete de contratación por valor de 57.856€. O segundo, xa adxudicado en algo máis de 40.000 euros, ocuparase de reparar o Camiño do Catalán.

Outras obras en fase de contratación son a da pavimentación de varias pistas en Barallobre e Maniños e a instalación de alumeado público no contorno da pista polideportiva de Magalofes, financiadas neste caso dentro do POS e cun prezo de licitación de 42.225€ ive incluído, e a pavimentación da estrada de Laraxe desde a Areosa, en Limodre, cun prezo base de contratación de 30.034€.