Domingo 22 de Abril de 2018

A Xunta de Galicia completa a reforma dos andares superiores da residencia mixta de maiores de Ferrol


A Administración autonómica investiu un total de 741.420 euros nas obras, que permiten que este fogar da terceira idade teñan de novo operativas e listas para o seu uso 26 novas habitacións nos andares sexto e sétimo

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá a Residencia de Maiores de Ferrol, situada no barrio de Caranza, onde comprobou o resultado das obras levadas a cabo na mesma e que supuxeron, entre outras melloras, a reforma dos dous andares superiores: o sexto e o sétimo. A Administración autonómica investiu un total de 741.420 euros nesta actuación que se iniciaba o pasado mes de abril e que se desenvolveu sen demoras, axustándose aos prazos previstos.

Ao respecto, Rey Varela sinalou que “sacar adiante as obras deste fogar da terceira idade, despois das moitas vicisitudes que atravesou o proxecto, foi unha das primeiras prioridades que se fixou a Consellería de Política Social cando esta se creou fai pouco máis dun ano”. Neste sentido, para este departamento autonómico “era moi importante que unha vez desbloqueada a reforma do centro, esta estivera a disposición da cidadanía canto antes, e así o fixemos”.

No que atinxe á intervención realizada, o responsable da área social do Goberno galego destacou que a mesma permite que o centro teña de novo operativos e listos para o seu uso os andares sexto e sétimo, que se atopaban baleiros. Así, a remodelación completa dos mesmos permite poñer a disposición 26 novas habitacións -13 en cada un dos andares: 12 individuais e unha dobre- plenamente reformadas, confortables, funcionais, accesibles e cun deseño acorde aos tempos actuais. Así mesmo, habilitouse en cada planta un amplo salón común e tamén se renovaron espazos de servizos complementarios como o de lavandería.

En total, a superficie da residencia que se renovou ascende a 1.300 metros cadrados, xa que as obras non se limitaron á reforma da zona residencial dos andares sexto e sétimo. Nestes andares tamén se acometeu a renovación das redes de servizos básicos destes pisos, como a fontanería e a electricidade, así como o sistema de intercomunicación entre residente e o sistema de evacuación contra incendios.

Así mesmo, os traballos tamén afectaron ao conxunto do edificio, de tal xeito que se fixo unha posta ao día do centro. Así, substituíronse as cubertas de fibrocemento existentes nos andares quinto e sétimo por outras de chapa metálica, mellorouse a urbanización do entorno inmediato ao edificio renovando a rampla de acceso; cambiáronse os montantes de fontanería e calefacción que enlazan o anelo perimetral do andar baixo co resto dos pisos; levouse a cabo a adaptación da instalación eléctrica ata os cadros secundarios do semisoto, do baixo e dos pisos altos; executouse a adaptación da instalación eléctrica ata os cadros secundarios dos andares primeiro e quinto; e renovouse o sistema de intercomunicación entre residente e enfermaría en todos os andares.