Xoves 19 de Xullo de 2018

A Xunta inviste preto de 120.000 euros na mellora da vía sur do polígono industrial de Dodro, dentro do plan de axudas ás infraestruturas dos parques empresariais


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe a zona da actuación, acompañado polo alcalde da localidade, Valentín Alfonsín Somoza

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Concello de Dodro, onde foi recibido polo seu alcalde, Valentín Alfonsín Somoza. Tras falar durante uns intres, ambos os dous desprazáronse ao parque empresarial de Salvanxe, para comprobar alí as actuacións levadas a cabo pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través das liñas de axuda ás infraestruturas dos parques empresariais de Galicia.

En concreto, Rodeiro e Alfonsín visitaron as obras de mellora na estrada sur do polígono industrial de Dodro, onde se vén de facer unha inversión de 119.733,13 euros, correspondente ao 80 por cento do montante final dos traballos executados. Durante a visita, Ovidio Rodeiro tivo a oportunidade de falar con algúns dos empresarios beneficiados por esta actuación, agradecidos polas melloras que supuxeron as obras.

O plan de axudas ás infraestruturas dos parques empresariais supuxo unha inversión de 1.255.262,90 euros en toda a provincia da Coruña, repartida en 21 actuacións concretas. Na zona de Compostela destacan, entre outras, os máis de 102.000 euros dedicados á mellora do acceso ao polígono industrial de Pazos en Padrón, os máis de 74.000 que serviron para rematar a conexión a rede xeral dos colectores de saneamento do polígono de Sergude en Boqueixón, ou os máis de 58.000 euros destinados ao anteproxecto de dotación de servizos de aforro enerxético en Negreira, concello que tamén recibiu unha axuda de máis de 45.000 euros para a instalación de colectores con vertido á depuradora municipal.

Dentro da comarca, tamén recibiron subvencións neste apartado os concellos de Ames, Arzúa, Melide, Santa Comba e Vimianzo. Ovidio Rodeiro destacou que “mediante este programa lógranse melloras en aspectos como a seguridade, a eficiencia enerxética, os accesos aos propios polígonos, a mobilidade, o alumeado público ou mesmo o medio ambiente, dotando algúns deles de novos puntos limpos”.

Durante a visita, o delegado territorial da Xunta na Coruña e o alcalde de Dodro aproveitaron para repasar outras intervencións levadas a cabo pola Xunta de Galicia no concello e para comentar algunhas das necesidades da localidade de cara a futuras actuacións.