Venres 23 de Febreiro de 2018

Nava Castro destaca que as obras executadas en Boqueixón mellorarán a accesibilidade turística do miradoiro do Pico Sacro


A intervención está enmarcada na liña de subvencións que Turismo de Galicia convoca anualmente para o fomento da accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en A Coruña, Ovidio Rodeiro, xunto co alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, visitaron hoxe as obras do miradoiro do Pico Sacro executadas no marco da liña de subvencións dotada con máis de 1,33 millóns de euros destinada ao fomento da accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural.

A través desta liña de subvencións o concello de Boqueixón recibiu unha subvención de preto de 27.000 euros ao ser un dos 82 concellos beneficiados por esta liña de axudas convocada anualmente por Turismo de Galicia.

Durante a visita, a directora de Turismo de Galicia explicou que o obxectivo é dotar ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para convertelo nun recurso turístico accesible.

A responsable de Turismo da Xunta afirmou que entre os principais obxectivos do seu departamento está o desenvolvemento do territorio de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade. “Traballamos pola potenciación do turismo e dos seus recursos como un factor de crecemento económico e un instrumento de reequilibrio territorial”, engadiu.

Neste senso, Nava Castro manifestou que con iniciativas como esta potenciase o medio rural da nosa comunidade e consolídase Galicia como un destino turístico accesible para todos.

Máximo histórico do turismo rural
Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia afirmou que estas accións contribúen a incrementar as cifras de demanda dos establecementos rurais da nosa comunidade.

Así, o turismo rural rexistrou o pasado ano un importante crecemento ao superar nos once primeiros meses de 2016 a cifra de viaxeiros aloxados e as pernoitas do mesmo período do 2015 nun 8,4% e 17,1%, respectivamente.

“Este segmento acadou así un máximo histórico de volume de viaxeiros aloxados nun ano non Xacobeo, con máis de 201.000”, sinalou Nava Castro.