Luns 25 de Xuño de 2018

O Concello de Fene confirma que Viaqua xa retirou arredor do 70% dos resíduos da antiga EDAR de Maniños


O primeiro pleno ordinario de 2017 quedou fixado para as 18.00h. deste mércores andiantándose un día sobre a data que lle tocaría para non facelo cadrar coa cabalgata de Reis que percorrerá o centro urbano o xoves á tardiña. A orde do día recolle cinco puntos dos que a maioría son de trámite: a comunicación das resolucións da alcaldía desde a última sesión ordinaria, o nomeamento da representación municipal na entidade urbanística de conservación do polígono Vilar do Colo, as posibles mocións que se presenten pola vía da urxencia e o apartado de rogos e preguntas. Porén, na relación de asuntos para tratar tamén se inclúe a moción de reprobación do alcalde a quen o PP acusa de “mentir” no pleno de decembro sobre a execución da sentenza que obriga a Viaqua a baleirar os lodos da antiga depuradora de Maniños. Un estremo que Juventino Trigo rexeita argumentando que os traballos se están desenvolvendo segundo o programa previsto pola empresa desde o momento en que obtivo autorización de Augas de Galicia para comezar con eles, a primeiros do mes de outubro. De feito, segundo informa o goberno local, da depuradora xa se retiraron cerca dun 70% dos resíduos acumulados.

O programa de baleirado da EDAR de Maniños comezou o pasado 7 de outubro co trasvase duns 1.500 metros cúbicos de resíduo líquido á estación de Punta Avarenta. Tras unha semana de traballos, a empresa Viaqua iniciou a recollida de lodos coa que se conseguiron extraer arredor de 300 metros cúbicos de materiais a maiores no periodo comprendido entre o 14 de outubro e o 29 de decembro.

O resultado é que nestes primeiros compases do 2017 da antiga depuradora situada ao carón do porto de Maniños xa se sacaron cerca do 70% dos residuos acumulados. As imaxes tomadas hai escasos días mostran as cubas de decantación case baleiras e estímase que a extracción dos lodos desecados que aínda faltan “é cousa de poucas semanas, sempre que non se produzan choivas abondosas que dificulten o traballo”, tal e como apunta o alcalde de Fene, Juventino Trigo.

A cuestión da EDAR de Maniños é obxecto dunha moción de reprobación que o PP presentará no pleno ordinario deste mércores pola tarde, a terceira que suscribe o grupo popular nos últimos meses esixindo, ademais, a dimisión do rexedor nacionalista. Nela o PP acusa a Trigo de “mentir” no pleno de decembro cando o grupo opositor preguntou polo estado dos traballos de baleirado da depuradora.

Segundo o alcalde “en ningún momento se lle mentiu nin ao PP nin á cidadanía de Fene. No pleno explicouse con todo detalle a marcha do baleirado da EDAR e como se estaban executando uns traballos que levan o seu tempo pola complexidade da operación”.

A este respecto Juventino Trigo sinala que a programación de Viaqua marcaba tres fases: a succión da capa líquida dos resíduos, logo a retirada das lamas máis concentradas e, por último, a limpeza dos sedimentos con menor grao de humidade. “O plan estase levando a cabo sobre o previsto, en cumprimento da sentenza que obriga á empresa a baleirar as instalacións por completo”, asegura o rexedor.

Para Trigo a moción de reprobación do PP “carece de fundamento” e cualifícaa como “unha tentativa desesperada de desviar a atención da cidadanía cara a un problema ao que se lle está dando cumprida solución”. O alcalde engade que detrás da reprobación “hai un interese desmedido por desprestixiar o labor do goberno local. Fene funciona e o PP busca calquera argumento para facer ver o contrario”.