Luns 16 de Setembro de 2019

San Sadurniño homenaxea este domingo ás Irmandades da Fala e a Castelao


2016 foi o ano das Irmandades da Fala, como conmemoración do centenario deste movemento cultural e político que, porén, non chegaría á nosa comarca até 1917 coa fundación da Irmandade Local de Ferrol. San Sadurniño tamén tería vencellos coas irmandades a través de múltiples conexións das que falará este domingo ás 12.00h. na Casa da Cultura o estudoso Ramón Ermida. Será nunha charla aberta ao público na que repasará as súas repercusións históricas e os nomes dalgúns dos seus referentes. Pola tarde o protagonista será o tamén irmandiño Castelao, coa representación dos Quinquilláns dunha versión das súas «Cousas». A obra comezará ás 18.30h. con entrada libre, aínda que se debe reservar antes a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Segundo Ramón Ermida, a historia de Galicia no último século «non se explica sen as pegadas das Irmandades da Fala» que, segundo o estudoso, abrangueron a creación cultural, a política e mesmo «a modernización económica», ademais de ser «a primeira vez na historia contemporánea en que se reivindica Galicia como nación».

Ermida falará das orixes do movemento sociopolítico e da súa implantación da comarca coa fundación da irmandade ferrolá da que neste mes de abril se farán os 100 anos. Unha constitución que foi simultánea doutras agrupacións locais, como a de Ortigueira, Cariño, Fene, Mugardos, Cedeira, Cerdido, Narón e Pontedeume. «As Irmandades da Fala acadarán unha influenza relativa na Comarca, cunha presenza no movemento obreiro da cidade, a través de cadros como Xaime Quintanilla ou Manuel Morgado del Valle, no movemento agrario, sobre todo na área do Ortegal arredor de persoas como pita Romero ou Victoriano Taibo, ou no campo cultural, con criadores como Vello Piñeiro ou Diaz Valiño pero tamén lanzando iniciativas como a «Editorial Céltiga» ou «Toxos e Frores».

O agromo de agrupacións irmandiñas non chegou a callar en San Sadurniño, aínda que o concello si tivo relación co movemento. Máis da que parece. É sabido que a peza teatral «Mal de moitos», escrita por Eugenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida, está ambientada en Ferreira nun día en que se celebra o Biscordel en Igrexafeita. Pero o que non se coñece tanto fóra do ámbito académico é o papel que desempeñaron Xesús Culebras, Xosé García e Xosé Castro Eirín.

Culebras, explica Ramón Ermida, «foi fundador da Irmandade da Fala de Compostela e o seu máximo responsábel, asinante do Manifesto de Lugo» e, tal e como indica o investigador, «un dos máis importantes dirixentes do nacionalismo no movemento agrarista así como destacado cientifico e investigador no ámbito veterinario e na modernización agricola».

Por outra banda, Xosé García foi veterinario titular de San Sadurniño entre 1920 e 1924 e, segundo recorda Ramón Ermida, «destacou na posta en marcha e dinamización dos concursos de gando e na colaboración co agrarismo no concello, sendo finalmente asasinado en 1937 en Compostela polo franquismo».

O último dos persoeiros relacionados co movemento irmandiño é Xosé Castro Eirín, mestre da escola de Naraío que chega a anunciar no xornal A Nosa Terra en 1919 «os seus traballos para organizar e por en marcha a sección local da Irmandade da Fala no municipio». Un empeño que, porén «non fructificou», debido seguramente a que o mestre faleceu en 1921.

As «Cousas» de Castelao en formato teatral
Sen dúbida un dos irmandiños máis senlleiros foi Castelao. De aí que o Concello programase para a tarde deste domingo a versión teatral das súas «Cousas» preparada pola compañía Os Quinquilláns.

É unha adaptación froito da colaboración coa editorial Galaxia na que Lucho Penabade e Tero Rodríguez asumiron o reto de levar ao teatro unha das obras máis coñecidas do médico, escritor, debuxante e galeguista. A peza bota man de varios dos personaxes da versión literaria mostrando situacións atemporais que o autor rianxeiro empezou a publicar en xornais como textos soltos no ano 1919.

A representación enmárcase no programa co que se lle pon o ramo ao Ano Castelao. Chega a San Sadurniño da man da Deputación da Coruña nun percorrido por dez concellos que se iniciou en decembro en Brión e que rematará en Mazaricos a primeiros de febreiro.

A entrada é libre, aínda que se debe facer reserva previa a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Ademais de presenzar a obra, todas as persoas asistentes recibirán como agasallo un exemplar impreso de «Cousas».