Luns 19 de Novembro de 2018

Aprobados definitivamente os Orzamentos do Concello de Brión para 2017, que ascenden a 6,1 millóns de euros e medran un 13%


O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publica hoxe a aprobación definitiva dos Orzamentos Municipais do Concello de Brión para 2017, aprobados inicialmente polo pleno municipal o pasado 21 de decembro. Unhas contas que ascenden a 6.161.000 euros, un 13% máis que en 2016, e que entrarán en vigor logo de que non se teña rexistrada alegación algunha durante o prazo de exposición pública.

O alcalde de Brión, José Luís García, destaca destes orzamentos “o seu importante contido social, que os converte nun instrumento de progreso e de igualdade”. Neste sentido, salienta que “os maiores incrementos se producen en partidas de contido social. Así, as achegas para Servizos Sociais medran un 15% e tamén medran as partidas para educación, cultura e deportes porque, a pesar da crise económica, non podemos permitir que se destrúa o estado de benestar que conseguimos para os nosos veciños e veciñas”.

O capítulo de investimentos medra en case 50.000 euros, con respecto a 2016, ata chegar aos 692.738 euros, a pesar de que xa non se contemplan neste capítulo as obras que realiza o Concello de Brión a través da súa cuadrilla municipal, que dende este ano pasaron a contabilizarse como gastos en bens correntes e servizos, partida que medra ata os 2.467.009 euros.

Os ingresos previstos para 2017 medran un 11% pola revisión dos valores catastrais realizada pola Dirección Xeral do Catastro e por unha maior achega por parte da Deputación Provincial da Coruña. Así, a partida de impostos directos ascende a 1,984.500 euros, mentres que por taxas se ingresarán 1.159.287 euros. A partida de transferencias correntes ascende a 2.569.023 euros.