Luns 21 de Maio de 2018

A Xunta inviste preto de 39.000 euros en actuacións de recuperación ambiental nos concellos de Coirós e Aranga, a cargo dos Fondos de Desenvolvemento Rexional e Rural


O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o lugar de Figueiras e a ruta “Veiga do Mandeo”, acompañado polos alcaldes

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou as obras de conservación da natureza executadas pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio nos concellos de Coirós e Aranga, acompañado polos alcaldes Francisco Quintela e Alberto Platas.

En Coirós levouse a cabo a recuperación ambiental en Figueiras, unha actuación cofinanciada nun 80 por cento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo FEDER-Galicia 2014-2020. Os traballos supuxeron un investimento total de 19.500 euros e incluíron, entre outras actuacións, a roza da matogueira, a poda manual, o destoconado de eucaliptos, o cerramento da parcela con postes de madeira, a plantación de castiñeiros híbridos enxertados e a colocación de un módulo informativo ambiental.

No caso de Aranga, a a Dirección Xeral de Conservación da Natureza completou a adecuación da ruta “Veiga do Mandeo”, cofinanciado neste caso nun 75 por cento polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020. O importe destes traballos ascendeu a 19.495,79 euros, que se destinaron á roza manual da vexetación da ribeira e selección de brotes, á poda ou apeo de árbores con risco de caída á canle do río, e á retirada manual de árbores caídas sobre o terreo.

O delegado territorial destacou que estas actuacións “contribúen a poñer en valor os recursos naturais existentes, e permitirán a súa conservación e coidado”. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio impulsa o atractivo de diferente lugares da xeografía galega mediante intervención puntuais de conservación, limpeza e mantemento de recunchos de especial valor ecolóxico e paisaxístico.