Xoves 19 de Xullo de 2018

A Xunta inicia a construción dunha senda peonil en Dodro que dá continuidade á rede de camiños do municipio xa existente e mellora a seguridade dos peóns na estrada AC-305


O novo tramo comprende un treito de 330 metros e inclúe a instalación de recollida de pluviais e dunha tubaxe para a evacuación de auga nos tramos necesarios

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá en Dodro o inicio das obras de construción dun tramo de senda peonil paralelo á estrada AC-305. Estivo acompañado polo alcalde da localidade, Valentín Alfonsín Somoza, e por representantes da empresa adxudicataria dos traballos.

Trátase dun treito de 330 metros que dá continuidade á senda existente, entre o quilómetro 3,680 e o 4,010 na marxe dereita, e do 3,710 e o 3,790 na marxe esquerda. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda acomete esta actuación con fin de mellorar as condicións actuais da rede viaria municipal, na procura do beneficio para os veciños directamente afectados e do termo municipal en xeral. A obra conta cun investimento de 60.408,63 euros

A actuación completarase coa instalación dun caz para a recollida de augas de drenaxe e dunha tubaxe para a evacuación destas augas nos tramos que resulte necesario. O delegado territorial da Xunta destacou “a importancia deste tipos de actuacións nas que se combina a seguridade dos peóns e dos condutores” xa que a estrada gañará ancho de vía e beiravías aptas para o paseo e mesmo para bicicletas.

Os encargados da obra, auspiciada pola Axencia Galega de Infraestruturas, explicaron durante a visita que contan con ter rematados os traballos no prazo dun mes. Ovidio Rodeiro quixo subliñar a incidencia que esta obra “vai ter no benestar duns veciños que aínda lembran os riscos desta estrada cando era a única que comunicaba o concello de Dodro”.