Luns 21 de Maio de 2018

A Baña acollerá este domingo o Campionato Galego de Cross Curto


O Concello reúne nun mesmo circuíto doce probas diferentes de campo a través

O Concello de A Baña acollerá este domingo, 5 de febreiro, tres importantes citas do calendario galego de campo a través. Trátase do Campionato de Galicia de Cross curto por clubes, do Campionato galego de cadete e xuvenil, individual e por equipos, e o Memorial Alejandro Lorenzo, que xuntará no seu circuíto as categorías de benxamín, alevín e infantil no que, segundo a Federación Galega de Atletismo, pretende ser “a gran xuntanza de cross das categorías inferiores”.
A proba presentouse hoxe no salón de plenos da casa consistorial de A Baña, con presencia do alcalde, Andrés García Cardeso, e do concelleiro de Deportes, Manuel Tourís, acompañados do delegado da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, e o director técnico da proba, Jorge Gómez.
O alcalde quixo agradecer o traballo tanto do concelleiro de Deportes como dos técnicos deportivos do Concello, Adrián Vázquez e Sergio Viétez, así como a aposta da Federación Galega de Atletismo por elixir A Baña para a celebración desta importante cita deportiva que atraerá ao longo da mañá do domingo ao municipio preto de 1.500 persoas, entre atletas, adestradores e familiares. García Cardeso subliñou a necesidade de apostar por deportes como o cross. “Os partidos de fútbol están moi ben, pero tamén hai que darlle o pulo que se merecen outras disciplinas deportivas como é a que se celebrará o vindeiro domingo na Baña”.
Nese mesmo senso, manifestouse o concelleiro de Deportes, quen destacou a importancia que ten para A Baña, “un municipio rural de 3.700 habitantes, celebrar unhas probas desta categoría”, sinalou Manuel Tourís, agradecendo a aposta da Federación por este municipio barcalés. Tamén tivo mención especial para os patrocinadores das probas e para as agrupacións de Protección Civil de Santa Comba e de Negreira que colaborarán co dispositivo especial de seguridade e control de tráfico, así como para o Concello de Negreira “que tamén colabora con nós facilitándonos as carpas”.
Pola súa banda, o delegado da Federación Galega de Atletismo de Santiago, Iván Sanmartín, fixo un chamamento a que o público acuda a ver esta cita, que calificou de “verdadeiro espectáculo”. Según indicou, “Galicia sempre foi unha terra de cross” e subliñou que a cita deste domingo na Baña “reúne os ingredientes necesarios dunha proba de gran categoría e repercusión”, na que se darán cita “os mellores corredores de medio fondo e fondo” de Galicia. “Esta é unha proba que arrastra dende os clubes de atletismo máis punteiros de Galicia ata os máis humildes”.
Iván Sanmartín indicou que destes campionatos galegos sairá a selección de atletas que representará a Galicia no Campionato Nacional Cadete-Xuvenil, nas categorías masculina e feminina, así como os tres mellores clubes que representarán á comunidade galega no campeonato nacional de cross que se celebrará en Oropesa (Castellón) o vindeiro 26 de febreiro.
O circuito de campo a través bañés ten un máximo de 1.250 metros, e aínda que conta con zonas de terra e barro, é na súa meirande parte de herba. “Diseñamos un circuito de cross moi bó e bastante duro, aínda que non conta con pendientes excesivas”, indicou o director da proba.
As probas comenzarán co Memorial Alejandro Lorenzo ás 10.30 horas, coas categorías Benxamín e rematarán co Campionato de Cross Curto por equipos pasadas as 14.00 horas.
Según indicou o edil de Deportes, Manuel Tourís, o Concello cortará o acceso ao tráfico “xa dende a praza do Concello, polo que haberá que subir ata o campo andando, xa que son só 300 metros. Habilitaremos furgonetas para subir o material e tamén o pavillón para que os atletas poidan ducharse e cambiarse”.

Adxúntase PDF co percorrido do circuito e para máis información sobre as probas: http://www.atletismogalego.com/