Martes 17 de Xullo de 2018

A Xunta impulsa con 209.000 euros o centro de visitantes multifuncional xeodestino ría de Muros-Noia para convertilo nun elemento dinamizador do tursimo nas Terras do Barbanza


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, coñeceu o proxecto e visitou o edificio que o albergará, acompañado do alcalde de Noia, Santiago Freire

A Xunta destina, na convocatoria de axudas deste ano, máis de 15,8 millóns de euros aos proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) que redunden en beneficio para as zonas litorais de Galicia. Así o destacou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, na visita que realizou esta mañá ao edificio do antigo Casino, que albergará o Centro de Visitantes multifuncional Xeodestino Ría de Muros-Noia. Alí, acompañado polo alcalde de Noia, Santiago Freire, coñeceu o proxecto, que recibiu apoio da Consellería do Mar a través dunha axuda de 209.000 euros.

O delegado territorial da Xunta na Coruña destacou que esta iniciativa contribúe a engadir valor ao atractivo turístico da zona. Neste sentido, sinalou que este proxecto, que xa é unha realidade, é un exemplo da boa aceptación do apoio que brinda Consellería ás iniciativas dos grupos de acción local. Así, lembrou que o ano pasado se beneficiaron destas axudas un total de 99 proxectos por un importe de preto de 6 millóns de euros.

“Con estas achegas”, subliñou Ovidio Rodeiro, “a Xunta busca impulsar proxectos que contribúan, entre outros aspectos, a aumentar o emprego e a cohesión territorial nas zonas costeiras e a diversificar as actividades realizadas no eido do mar”. Tamén iniciativas que promovan a innovación, fomentar o patrimonio cultural do mar e reforzar o papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local.

A Xunta pon a disposición dos GALP achegas a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). A elas, a Consellería do Mar destina na convocatoria deste ano 228.000 euros. O obxectivo deste apoio é estimular a cooperación e a suma de sinerxías entre os GALP para que accedan a información e novas ideas e aprendan doutros grupos, rexións ou países. O ano pasado beneficiáronse desta liña dous proxectos por valor de máis de 226.000 euros.

O concello de Noia adquiriu no seu día o edificio do antigo Casino, por un importe de 450.000 euros. O proxecto acomete a rehabilitación integral do inmoble, que conta cunha protección estrutural, baixo parámetros de mantemento dos elementos decorativos orixinais. A achega da Xunta divídese en tres anualidades: 12.000 euros no ano 2016, 50.000 euros no 2017 e os 147.000 restantes no 2018. Na planta baixa deste edificio está funcionando a oficina municipal de Información Turística.

O Centro de Visitantes multifuncional Xeodestino Ría de Muros-Noia pretende converterse nun elemento dinamizador do turismo dos concellos que conforman a área de actuación: Muros, Noia, Porto do Son, Outes e Lousame. Está previsto que as obras dean comezo nos vindeiros meses, contando con que o centro poda entrar en funcionamento no ano 2018, coincidindo co 850 aniversario da Carta Fundacional de Noia como vila.

Entre outros proxectos na provincia da Coruña que contan con axudas a cargo a estes fondos, destaca o do GALP Costa da Morte, onde se converterá unha antiga fábrica conserveira nun espazo expositivo sobre a conserva en Camariñas.