Martes 27 de Xuño de 2017

FESAN construirá en Brión unha residencia para maiores con 53 prazas que estará en pleno funcionamento no ano 2019


O alcalde de Brión e o presidente da Fundación asistiron hoxe á colocación da primeira pedra da residencia

O alcalde de Brión, José Luís García, e o presidente da Fundación de Estudos e Análises (FESAN), Manuel Rodríguez Sedano, asistiron este mediodía en Brión á colocación da primeira pedra dunha nova residencia de atención a persoas maiores. Un novo servizo que estará en pleno funcionamento no ano 2019, contará cunha dotación de 53 prazas residenciais destinadas a persoas maiores e permitirá a creación de 30 novos postos de traballo.

Manuel Rodríguez, presidente de FESAN, manifesta que “pretendemos trasladar a Brión un modelo de atención residencial caracterizado pola cercanía, a exclusividade e a personalización, que xa se vén implementando con éxito noutras das nosas residencias, como é o caso da residencia Servisenior Santiago. Un modelo de atención a persoas maiores que pretende situarse lonxe da sistematización e colectividade que soe aplicarse en centros residenciais de maiores dimensións”.

Pola súa banda, o alcalde brionés valorou este iniciativa privada como “unha gran noticia pois é un servizo cada vez máis necesario, está emprazada nun lugar moi céntrico do noso concello e vén a cubrir un servizo do que non dispoñíamos en Brión, polo que penso que é como para estar satisfeito”. O alcalde salientou o bo emprazamento que terá a residencia, a carón do parque municipal e do paseo do río Pego, así como as magníficas comunicacións que terá a man, coa entrada e saída da autovía e a parada de autobús a apenas uns metros. Ademais, José Luís García adiantou que nos próximos días aprobarase a posta en marcha dun novo servizo para os veciños e veciñas de Brión.

Características

José Luís García percorreu a parcela na que se emprazará esta nova residencia canda gran parte dos concelleiros do Grupo de Goberno, encabezados pola concelleira de Servizos Sociais, Iolanda Bouzas. Durante a visita, os concelleiros coñeceron ao detalle tanto o proxecto que FESAN vai poñer en marcha en Brión. Trátase dunha residencia para maiores de 1.800 metros cadrados de superficie con soto, planta baixa e dúas plantas. Contará con 26 habitacións dobres, todas elas con baño. Dúas destas habitacións, é dicir 4 prazas, estarán habilitadas para persoas con minusvalía.

O inmoble será construído pola empresa santiaguesa Ypgal Constructora SL e o prazo de execución é dun ano. O inmoble estará emprazado nunha parcela na urbanización Lamas de Albariño e contará con sala de convivencia, sala polivalente, sala de curas/farmacia, despacho médico con dúas enfermerías e servizo de lavandería.

FESAN

FESAN entende a atención residencial como un servizo para mellorar a calidade de vida das persoas maiores e unha oportunidade para potenciar o envellecemento activo entre as súas persoas usuarias. Este modelo de atención, unido á longa experiencia dun equipo de profesionais que levan anos coordinando e prestando servizos neste sector, ten como resultado unha ampla demanda de prazas nos centros que esta entidade xestiona.

FESAN iniciou a súa actividade no ano 1997 coa perspectiva da atención de necesidades sociais de interese xeral orientadas, principalmente, ao desenvolvemento de programas e recursos de atención integral das persoas maiores e da infancia. Nun primeiro momento, a parte central da actividade de FESAN estivo destinada á formación e preparación laboral daqueles colectivos con maiores dificultades para incorporarse ao mercado laboral, tales como persoas desempregadas de longa duración, persoas con baixa cualificación, mozos e mozas sen experiencia laboral previa… entre outros, chegando a formar a unha media de 400 alumnos/as cada ano a través de accións formativas desenvolvidas nas instalacións que dispón en Santiago e a través da xestión das actividades formativas impulsadas por outro tipo de entidades, tales como concellos de toda Galicia.

Dende o inicio, FESAN combinou as accións de formación profesional con outras actividades tales como o desenvolvemento de estudos sectoriais, a orientación laboral e a xestión de programas innovadores de emprego orientados a este ámbito. Froito desta experiencia previa e ao abeiro do amplo coñecemento do sector co que conta, FESAN decidiu dar un paso máis para seguir contribuíndo ao desenvolvemento de programas e recursos de atención integral das persoas maiores e da infancia, poñendo en marcha unha oferta formativa de Formación Profesional especificamente orientada a mozas e mozos galegos interesados en traballar nos ámbitos da atención sociosanitaria e/ou infancia. Actualmente, FESAN desenvolve 6 ciclos de Formación Profesional e conta cun volume anual de alumnos/as próximo ás 100 persoas.

O terceiro pilar da actividade de FESAN neste sector é a planificación e xestión directa de servizos e recursos de atención á infancia e ás persoas maiores. Xestiona actualmente 13 escolas infantís en tres provincias galegas: Monteporreiro, Mugardos, Piringalla, Pontecesures, Pontedeume, San Fiz, Saviñao e Ordes, dúas en Sanxenxo (O Revel e O Tombo), e tres en Narón (Solaina, A Gándara e Piñeiros).

Tamén se encarga da xestión directa de diferentes servizos de atención a persoas maiores nas provincias da Coruña e Lugo: Residencia de Persoas Maiores de Ordes, Residencia Servisenior de Santiago e Vivendas Comunitarias de O Saviñao.