Domingo 22 de Abril de 2018

A Xunta destina 116.000 euros a sinalización, recuperación e melloras do Camiño Inglés ao seu paso polo concello de Carral


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o albergue de peregrinos de Sergude, acompañado polo alcalde, José Luis Fernández Mouriño

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o albergue de peregrinos de San Xián de Sergude, no concello de Carral, acompañado polo alcalde da localidade, José Luis Fernández Mouriño. O albergue, que fora inaugurado en xullo de 2014 polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ofrece durante todo o ano 30 prazas nunha superficie de 358 metros cadrados

No transcurso da visita, Ovidio Rodeiro anunciou un investimento de 116.181 euros en 2017 no tramo correspondente a Carral, dentro do plan para a recuperación, sinalización e melloras do Camiño Inglés adaptándoos á delimitación oficial aprobada en 2014. A Axencia de Turismo de Galicia, dependente de Presidencia, completa deste xeito o investimento de 609.000 euros que supuxo a apertura do albergue hai dous anos e medio.

Situado nun punto estratéxico da sétima etapa do Camiño Inglés, entre A Coruña e Bruma, o albergue de Sergude permite aos peregrinos atopar un lugar onde durmir doce quilómetros antes do remate do traxecto, no concello de Mesía. Cunhas instalacións modernas e funcionais, o albergue ofrece os servizos básicos para o descanso e o aseo persoal dos camiñantes que se dirixen a Compostela.

A Xunta destinará no ano 2017 máis dun millón de euros a intervencións nos 18 concellos polos que transcorre a ruta do Camiño Inglés nas súas dúas variantes pola provincia da Coruña. Serán en concreto 1.089.413 euros repartidos entre traballos de recuperación de sendas, sinalización do percorrido e melloras de distintas infraestruturas e áreas de descanso para os peregrinos.

O alcalde de Carral amosou ao delegado territorial da Xunta na Coruña algunhas das zonas nas que está previsto levar a cabo as inversións aprobadas ola Axencia de Turismo, e que servirán para incrementar a visibilidade e a relevancia deste tramo do Camiño o seu paso polo municipio.