Sábado 31 de Outubro de 2020

O Concello de Touro solicita a colaboración dos veciños para dotar de contido o museo do Centro de Interpretación do Río Ulla, ubicado en Fonte Díaz


Fotografías, instrumentos, ferramentas ou escritos son algún dos materiais solicitados aos habitantes para integrar no centro expositivo
O Concello de Touro solicita a colaboración e aportacións dos veciños e veciñas para dotar de contido o museo que estará instalado no recén estreado Centro de Interpretación do Río Ulla, un edificio ubicado fronte a Casa de Cultura e na zona de servizos de Fonte Díaz. “Pedimos a colaboración no que poidan e queiran aportar para poder confeccionar o noso pequeño museo”, solicita o alcalde, Ignacio Codesido, nunha carta dirixida aos habitantes de Touro, quen explica: “Queremos enchelo con material relacionado co río Ulla, e con experiencias e actividades para ofertar a veciños e visitantes”.
O Concello de Touro solicita a veciños e veciñas “fotografías, obxectos, instrumentos, ferramentas, escritos” e calquera outro material relacionado e vinculado co río Ulla, que baña boa parte deste municipio. “Se queren poñer o seu grau de área están convidados a participar neste proxecto, apunta a misiva do alcalde de Touro.
O Centro de Interpretación do Río Ulla conta cun recuncho adicado á pesca no río, outro ao sendeirismo e á ruta cicloturista Camiño do Holandés, outro para especies de flora e fauna da zona, outro recuncho adicado ás madeiras e ás árbores. Tamén haberá unha parte dedicada á gastronomía, outra á arte e literatura vinculadas ó Ulla, outra parte para os muíños e outra a tradicións como os Xenerais do Ulla.
O alcalde confía en que coa colaboracións dos veciños e veciñas se poida comenzar a expoñer a riqueza do patrimonio vinculado ao río Ulla. Os habitantes de Touro ou outros interesados que queiran colaborar pódense dirixir á Oficina de Turismo do Concello de Touro (981.814. 566) ou ao seguinte correo electrónico: c.interpretacion.rio.ulla@gmail.com.