Luns 16 de Xullo de 2018

A Xunta de Galicia inviste preto de 700.000 euros na recuperación, reparación e rehabilitación de varias vivendas de promoción pública localizadas no casco urbano de Ferrol


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe os traballos que se están levando a cabo nos interiores dunha mazá do polígono de Esteiro

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou a mazá 24 do polígono de Esteiro, onde a Xunta de Galicia está a acometer obras de reparación interior nas 36 Vivendas de Promoción Pública (VPP) que conforman o devandito bloque. Rodeiro, que estivo acompañado pola presidenta da asociación de veciños de Caranza, Pilar Rodríguez, aproveitou a visita para repasar os investimentos realizados polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en actuacións de recuperación, reparación e rehabilitación na cidade de Ferrol.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda ten en trámite o procedemento de contratación da recuperación de nove VPP baleiras, cun presuposto de 142.300 euros. Ademais da xa mencionada reparación interior de 36 vivendas no polígono de Esteiro, cun orzamento de 36.600 euros e iniciada hai dez días, o IGVS está pendente de obter a licenza municipal para iniciar de inmediato a reparación da cuberta e dos canlóns dos aloxamentos piloto para mozos e maiores da rúa Fonte de Greza. Esta actuación conta cunha partida de 50.400 euros.

Así mesmo, ao abeiro da Orde de 20/04/2016, concedéronse axudas para a rehabilitación, reparación e adaptación de sete edificios de VPP. Nestes casos, a subvención asumida pola Xunta cubre o 60 por cento do orzamento protexible. O Goberno Galego inviste neste caso 465.500 euros sobre un total de actuacións que suma 775.800 euros. Cabe destacar que a Ferrol correspondéronlle sete dos oito expedientes aprobados na provincia da Coruña dentro desta orde.

Ovidio Rodeiro destacou que, entre actuacións directas e subvencións, Ferrol ven de recibir un investimento total de 695.000 euros, o que demostra “o firme compromiso do Goberno galego ca cidade de Ferrol e a decidida aposta por recuperar e rehabilitar as Vivendas de Promoción Pública no municipio”. O delegado territorial animou aos veciños a “aproveitar todas as liñas de axudas que a Xunta pon a disposición dos veciños”, e lembrou que sigue “enriba da mesa a man tendida aos concellos que aínda non se adheriron ao Programa de Vivendas Baleiras impulsado pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda.