Venres 20 de Abril de 2018

O Aldebarán quere levar posta a afección para o seu encontro do sábado en Dumbría


Partido clave o que disputará este sábado en Dumbría o Club Voleibol Aldebarán-Intasa da SM2. Van empatados a puntos co Boiro na cabeza do Grupo A da competición e neste último encontro da fase regular contra o Dumbría os de Manuel Blanco buscan unha victoria que os volva poñer sós arriba de todo e que despexe dúbidas sobre o seu merecemento para xogar a promoción de ascenso. Sabedores da importancia de ter canda si á afección, directiva e xogadores queren xuntar este sábado un bo grupo para ir apoiar o equipo e por iso organizan unha viaxe en bus que sairá de diante do Café del Palacio ás 16.00h. Fai falla reservar praza nos teléfonos 699 553 975 – 630 288 080 ou no correo aldebaranvoleibol@gmail.com. O prezo son 7€ para persoas socias e 10 para non socias.

Xornada de victorias dos favoritos a que rexistrou a SM2 na pasada fin de semana deixando claro que o Boiro Voleibol e o Aldebarán-Intasa son os dous firmes candidatos do Grupo A para loitar polo ascenso á máxima categoría do volei estatal.
Comparten liderado tralos resultados alcanzados o sábado, cando o Boiro derrotou ao Vigo a domicilio por 0-3 mentres que o Sansa fixo o propio na casa contra un Emevé de Lugo que batallou até o final. O papel de Saulo Costa foi determinante -5 bloqueos e 15 puntos- para pechar un marcador inmaculado a sets que dá matemática e azos para asumir o encontro do sábado en Dumbría, o último antes de xogar a promoción.
No pavillón do Conco o Aldebarán-Intasa medirase ao Voleibol Dumbría, que marcha terceiro pola cola dunha clasificación de 9 equipos encabezada man a man polo Boiro e os de San Sadurniño. Pode pasar de todo, pero unha victoria limpa do Intasa e un pequeno erro dos barbanzáns serviríalle ao Aldebarán para pechar a temporada como líder en solitario do Grupo A da SM2, na liña mantida durante os últimos meses.
Un recoñecemento que, tamén de seguro, lle inxectaría aínda máis moral para enfrontar a promoción de ascenso á máxima categoría do volei estatal. O Aldebarán vai a Dumbría con ansia de ganar, pero non quere ir só. O equipo quere levar posta a afección e por iso pretende encher un autobús que sairá o sábado ás 16.00h. da parada que hai ao carón do Café del Palacio.

Desde a directiva indican que hai prazas limitadas e que é necesario chamar ao 699 553 975 ou ao 630 288 080 para gardar asento. Tamén se lles pode enviar un correo a aldebaranboleivol@gmail.com. Para cubrir o gasto puxeron un prezo de 7€ por persoa socia e de 10€ para aquelas que non pertenzan ao club. Cartos que non son cartos e que gastariamos só no combustible da ida se fosemos pola nosa conta.