Mércores 24 de Maio de 2017

O programa de envellecemento activo de Fene ensinará este venres como usar os novos teléfonos intelixentes


A aparición dos teléfonos conectados a internet trouxo aparellado un novo xeito de comunicación que a xente máis nova ve como algo natural, pero que ás persoas maiores se cadra lles custa algo máis asumir, quizais por descoñecemento ou quizais por algún incomprensible prexuízo de idade. Como queira que sexa, a tecnoloxía está aí e ofrece unha chea de servizos útiles que poden contribuír a unha maior independencia e autonomía. Por iso a Concellaría de Benestar social e Igualdade organizou para a mañá deste venres un curso dirixido ás persoas maiores no que aprenderán o manexo do móbil intelixente e como sacarlle partido no día a día.

A actividade desenvolverase entre as 11 e as 13.00h. na aula de formación do Concello, situada na Avenida Naturais nº 44 entresollado, e por razóns operativas e de espazo só se ofertaron 20 prazas.

Trátase dunha proposta encadrada no programa de envellecemento activo e participación social “Tardes activas” que, ademais deste curso, ten previstas máis cousas para a xente que xa entrou na madureza.

Así, existe a opción de acudir a actividades de activación da memoria especialmente recomendables para persoas que teñen esquecementos cotiás. Situacións como saber onde se deixaron as chaves ou como se chamaba tal ou cal persoa que denotan falla de exercicio cerebral e que, en cambio, se poden revertir traballando a atención, a estimulación visual, a coordinación, facendo pasatempos, cálculos ou simplemente falando con outras persoas máis a miúdo.

Este obradoiro impártese os luns en Limodre -18 a 19.30h.- e tamén os martes a partir do 7 de marzo no CPS de San Valentín en horario de 16.45 a 18.15h.

Outra actividade que se propón é Recordando o noso, consistente en traballar as diferentes funcións cognitivas a través da rememoración de vivencias. Un exercicio que, ademais, tamén servirá para recuperar a historia de cada parroquia desde a óptica que elixa cada grupo.

Estas sesións teñen lugar nos locais da ACDR Liga de Amigos de Barallobre os mércores de 18.15 a 19.45h.; na sede da SCRD Agarimo de Sillobre os martes -inicio o 7 de marzo- de 18.30 a 20.00h. e os xoves a partir do 9 co mesmo horario na ACRD O Pote de Maniños; os mércores a partir do 8 de marzo o obradoiro desenvolverase no local do CMI Unidade de Fene entre as 16.45 e as 18.15h. e, por último, os venres desde o 10 de marzo as sesións tamén terán lugar entre as 16.30 e as 18.00h no local da AVV. San Xurxo de Magalofes.

A cuarta proposta do programa “Tardes activas” para os próximos meses é o obradoiro de Recuperación de memoria, no que se realizarán actividades grupais encamiñadas a mellorar tanto a capacidade para acordarse das cousas como a orientación e a atención, co obxectivo de manter á raia ou retrasar a aparición de demencias.

Neste caso os encontros son todos os xoves -16.30 a 18.00h- no Centro Municipal de Servizos Sociais, onde se centralizan as inscricións para todos os obradoiros e onde tamén nos poden facilitar máis información, ben presencialmente, ben a través dos teléfonos 981 492 706 e 981 342 607, ou no correo servizos.sociais@fene.gal.