Venres 17 de Agosto de 2018

Os alumnos dos Obradoiros de Emprego de Ribeira e Porto do Son, financiados pola Xunta de Galicia, reciben os seus diplomas


O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañou aos alcaldes Manuel Ruiz Rivas e José Luis Oujo no acto de clausura do programa formativo Tahume III

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiu esta mañá ao acto de clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego Tahume III, concedido pola Xunta aos concellos de Ribeira e Porto do Son. Estivo acompañado polos respectivos alcaldes Manuel Ruiz Rivas e José Luis Oujo.

Organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración cos concellos de Ames e Brión, o obradoiro conxunto formou, durante os últimos seis meses, a 20 alumnos-traballadores, baixo a tutela de seis profesionais que desenvolveron a súa actividade como directores, mestres e persoal administrativo. Todos eles son os encargados de desenvolver, ao longo de seis meses, o acondicionamento de diversas zonas dos dous municipios promotores. Con este fin a Xunta achegou máis de 179.000 euros

O proxecto formativo Tahume III levou a cabo ata 39 actuacións de acondicionamento e mantemento de outras tantas instalacións de ambos os dous concellos, nas especialidades de pintura industrial en construción e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. Así, en Ribeira se acometeu o acondicionamento de xardíns en Pedra Pateira, Fontán e a rotonda da Poutada. No parque periurbano de San Roque, va Casa da Cultura de Carreira, en Padín ou no parque do Centenario, entre outros, os alumnos-traballadores realizaron tarefas de mantemento e mellora.

No caso do Porto do Son, actuouse en varios parques e xardíns dos diferentes centros educativos do termo municipal. Tamén aproveitouse para pintar varios pasos peonís, liñas amarelas de zonas de carga e descarga ou mesmo as fachadas da propia Casa Consistorial. Outra das intervencións destacadas deste obradoiro de emprego foi a impermeabilización da cuberta do colexio de Deán, en Ribeira. Os mestres manifestáronse “moi satisfeitos” tanto do traballo dos alumnos como do resultado final dos traballos realizados.

Rodeiro destacou estes programas mixtos de formación e emprego porque “aportan unha formación eminentemente práctica” ao tempo que son “unha oportunidade para as persoas que se atopan nunha situación de desemprego”. Con estes obradoiros a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas con dificultades para o acceso ao mercado de traballo. Hoxe mesmo, os participantes recibiron un diploma que acredita tanto a experiencia formativa como a actividade laboral desenvolvida polos alumnos.

O delegado territorial lembrou que na provincia se puxeron en marcha outros 23 obradoiros de emprego e oito de Garantía Xuvenil, para menores de 30 anos, sumando 600 alumnos beneficiados e un investimento de máis de 5.300.000 euros. Rodeiro lembrou que, no conxunto da provincia, son un total de 72 concellos os que ao longo dos últimos meses desenvolveron ou están a desenvolver algunha destas iniciativas. Esta actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral, e coa que se prevé crear 80.000 postos de traballo ata 2020.

Ovidio Rodeiro aproveitou a visita para destacar o “compromiso claro de colaboración institucional da Xunta cos concellos para traballar na creación de postos de traballo no futuro”. Os obradoiros de emprego, aos que se destinan 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que a convocatoria pasada, teñen por obxecto mellorar a ocupabilidade dos desempregados mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral ou social que lles posibilite a realización dun traballo.

Ao igual que o pasado ano, inclúense obradoiros de emprego específicos para os menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil. O impulso do emprego xuvenil é unha prioridade para o Goberno galego e, por iso, a mocidade sigue sendo un colectivo prioritario para a Xunta. Primarase na vindeira convocatoria a aquelas persoas mozas que non recibiran atención anteriormente no Programa de Garantía Xuvenil.