Martes 17 de Xullo de 2018

Feijóo refírese ao novo Centro de Saúde de buño e á EDAR de Malpica como exemplos do compromiso cunha sanidade pública renovada e co saneamento das augas


Lembra que a Xunta leva construído, mellorado ou ampliado 42 centros de saúde desde 2009, coa previsión de construír nesta lexislatura 11 máis

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao novo centro de saúde de Buño e á Edar de Malpica como exemplos do compromiso cunha sanidade pública renovada e co saneamento das augas; un compromiso, en definitiva, segundo afirmou, para seguir construíndo “a Malpica que nos gusta, porque Malpica é pesca, é turismo e é medio ambiente”.

No tocante ao novo centro de saúde, cuxas instalacións visitou esta mañá, Feijóo subliñou que esta infraestrutura mellora a calidade e axilidade da atención primaria non só para os habitantes de Buño, senón tamén para os veciños doutras parroquias como Cambre, Cerqueda e Leiloio.

Así mesmo, ponse unha nova peza no proceso de modernización e mellora da sanidade galega que se está a levar a cabo. Non en van a Xunta leva construído, mellorado ou ampliado 42 centros de saúde desde 2009, coa previsión de construír nesta lexislatura 11 máis.

En relación á Edar, o titular do Goberno galego resaltou que esta infraestrutura solucionará as carencias no saneamento da zona, dará servizo a máis de 7.000 habitantes e conta cun tratamento biolóxico innovador a través dunha tecnoloxía de biofiltros e cunha desinfección que limita a emisión de contaminación microbiolóxica ao medio.

Durante a súa intervención, Feijóo lembrou que dentro do compromiso co saneamento e o abastecemento na comarca, a Xunta executou catro obras no concello: o saneamento da zona norte do porto; as actuacións na Etap; as melloras na estación de tratamento de auga potable; e as melloras nas redes de abastecemento da parroquia de Leiloio e nos núcleos de Cambre, o Ceán e o parque empresarial. “E o paso seguinte era acometer as obras da Edar de Malpica con dous obxectivos claros: a execución da Edar no dique sur do porto e a eliminación das verteduras no extremo este da praia de Area Maior e a súa incorporación á rede xeral de Malpica”, dixo, subliñando que o investimento total no tratamento de augas no municipio ascende a máis de 6 millóns de euros.

Logo de recoñecer que aínda queda traballo por facer en materia de saneamento en Malpica no ámbito rural, o presidente da Xunta subliñou que, a pesar da recesión económica, o Goberno galego, desde 2009, investiu 1000 millóns de euros en materia de augas- 7 obras cada mes-, co obxectivo de que nesta lexislatura todas as rías galegas estean depuradas.

Feijóo concluíu anunciando a adxudicación nos vindeiros días dunha nova senda de peonil no concello, cun investimento de 600.000 de euros.